Noticias

O programa da Deputación, "Tecendo lazos" chega este venres á Illa de Arousa cun novo obradoiro

38 municipios da provincia participan este ano na iniciativa que busca promover espazos de encontro entre distintas xeracións


13 decembro 2018
Tecendo lazos

O programa "Tecendo lazos" 2018 chega este venres á Illa de Arousa co obxecto de fomentar un espazo de encontro entre distintas xeracións para que así poidan, ao tempo que aprenden dunha temática nova, intercambiar aprendizaxes, recursos e ideas. Este ano no programa da Deputación de Pontevedra participan 38 concellos da provincia. Máis polo miúdo, o obradoiro de "Patchwork" vaise desenvolver na casa do concello e nel participarán 18 persoas da vila. Este obradoiro terá lugar os venres e sábados ata o 28 de decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada obradoiro coma este de Catoira poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración é de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o Concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas.


Novas relacionadas

Tecendos Lazos

17 abril 2018, a lama, tecendo lazos, entrega de premio, premio do programa