Noticias

O programa da Deputación, "Tecendo lazos" chega este sábado a Vila de Cruces e Pazos de Borbén

38 municipios da provincia participan este ano na iniciativa que busca promover espazos de encontro entre disintas xeracións


26 outubro 2018
Tecendo Lazos

O programa "Tecendo lazos" 2018 chega este sábado 27 de outubro a Vila de Cruces e Pazos de Borbén co obxecto de fomentar un espazo de encontro entre distintas xeracións para que así poidan, ao tempo que aprenden dunha temática nova, intercambiar aprendizaxes, recursos e ideas. Este ano no programa da Deputación de Pontevedra participan 38 concellos da provincia.

Máis polo miúdo, o obradoiro de "Patchwork" vaise desenvolver na Biblioteca Municipal de Vila de Cruces e nel participarán 18 persoas da vila. Pola súa banda, na casa da cultura de Pazos de Borbén 17 persoas da vila poderán gozar do obradoiro "Elaboración de Xabóns". Todos os obradoiros de "Tecendo lazos" vanse desenvolver entre os meses de outubro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 € ao programa no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller coma este de Catoira poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración é de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o Concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

"Tecendo lazos" diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.