Noticias

"Tecendo lazos" 2018 bota a andar este luns no Concello de Catoira

38 municipios da provincia participan este ano na iniciativa que busca promover espazos de encontro entre distintas xeracións


14 outubro 2018
Tecendo Lazos

O programa "Tecendo lazos" 2018 inicia este luns 15 de outubro en Catoira o seu obradoiro de "Elaboración de xabóns", co obxecto de fomentar un espazo de encontro entre distintas xeracións para que así poidan, ao tempo que aprenden dunha temática nova, intercambiar aprendizaxes, recursos e ideas. Participan este ano no programa 38 concellos da provincia, dos que preto de 20 xa manteñen aberto o prazo de inscrición nos distintos obradoiros, polo que nas próximas semanas os irán iniciando ao igual que Catoira.

Máis polo miúdo, o obradoiro de "Elaboración de xabóns" de Catoira vaise desenvolver no Edificio Multiusos do concello. Un total de 24 persoas van participar nesta iniciativa, que vai ter lugar o luns, de 16.00h a 19.00h, e o venres 19 de outubro, de 16 h a 20 horas. Todos os obradoiros de "Tecendo lazos" vanse desenvolver entre os meses de outubro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada obradoiro coma este de Catoira poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración é de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo  "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o Concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

"Tecendo lazos" diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos obradoiros realizados.