Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Tecendo lazos" inicia tres novos obradoiros na provincia

Máis de 50 persoas de todas as idades participarán nos obradoiros interxeracionais que a institución provincial organiza en Valga, Barro e Baiona


02 outubro 2019
Tecendo Lazos

Un total de 53 persoas iniciarán esta semana cursos formativos do programa da Deputación de Pontevedra "Tecendo Lazos" 2019, cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Desta forma, entre mañá e o próximo luns, 7 de outubro, tres cursos darán comezo nos concellos de Barro, Baiona e Valga.

Desta forma, en Barro 22 persoas comezarán mañá un obradoiro que leva por título Reciclaxe Téxtil. Este curso, que se impartirá na Biblioteca Pública de Barro (San Antoniño, Perdecanai, núm. 12), será os xoves, de 17 a 19 horas, e finalizará o 28 de novembro.

O vindeiro luns, 7 de outubro, pola súa banda, iniciaranse outros dous talleres. En Baiona comezará a acción formativa denominada Xogos con Risas Aseguradas, na que participarán preto de vinte persoas ata o 11 de outubro. A actividade desenvolverase no Multiusos Ángel Bedriñana (rúa Carabela Pinta, núm. 11) de luns a xoves entre as 16.00 e as 19.30 horas, e o venres entre as 16 e as 18 horas.

Por último, Valga acollerá un curso de Cestería Tradicional con Reciclaxe de Periódicos e Cartóns. Esta acción formativa contará con 14 integrantes e desenvolverase nas instalacións do Auditorio Municipal de Valga (Cordeiro, Ferreirós) os luns, entre os días 7 de outubro e 25 de novembro. O horario da actividade será de 17.30 a 19.30 horas.

Nestes momentos quedan prazas para participar en novas accións formativas que se desenvolverán nos vindeiros meses. Desta forma, está aberto o prazo para participar no obradoiro Xogos Tradicionais, que se desenvolverá os mércores no CEIP Reibón (Concello de Moaña) entre o 23 de outubro e o 11 de decembro, con horario de 17.30 a 19.30 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 14 de outubro a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Outro dos cursos cuxo prazo de inscrición permanece aberto é o obradoiro Manualidades de Moldeado e Pintado con Obxectos Reciclados. Neste eido as persoas interesadas teñen ata o 10 de outubro para formalizar a súa solicitude a través da sede electrónica da Deputación. Esta acción formativa, que se desenvolverá no Centro Social A Devesa (Salceda de Caselas), será todos os venres desde o 18 de outubro ata o 20 de decembro, con horario de 16.30 a 18.30 horas.

"Tecendo Lazos" oferta este ano accións formativas en 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que as cativas e cativos adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.