Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Tecendo lazos" inicia sete novos obradoiros na provincia

Máis de 130 persoas de todas as idades participarán nos obradoiros interxeracionais que a institución provincial organiza nos concellos de Bueu, Meis, Salceda de Caselas, Cuntis, Ribadumia, Rodeiro e Portas


17 outubro 2019
Tecendo Lazos

Un total de 138 persoas iniciarán cursos formativos do programa da Deputación de Pontevedra "Tecendo lazos" 2019, cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Desta forma, entre este venres 18 e o venres 25 de outubro darán comezo sete cursos nos concellos de Bueu, Meis, Salceda de Caselas, Cuntis, Ribadumia, Rodeiro e Portas.

Máis polo miúdo, 15 veciñas e veciños de Bueu e 30 de Meis comezarán o venres 18 un obradoiro que leva por título Campionato de Xogos con Risas Aseguradas. Este curso realizarase os venres, entre as 18:00 e as 20:00 horas, ata o 20 de decembro. En Bueu a actividade terá lugar na Sala de Xuntas do Local de Servizos Sociais e en Meis farase no Centro Multiusos do Mosteiro.

O Centro Social A Devesa de Salceda de Caselas acollerá os venres, de 16:30 a 18:30 horas, un curso de Manualidades de Modelado e Pintado con Obxectos Reciclados. O obradoiro, que conta con 18 inscritas e inscritos, dará comezo o 18 de outubro e prolongarase ata o 2 de decembro.

Ribadumia acollerá o devandito curso que, neste caso, comezará o 19 de outubro e levarase a cabo ata o 7 de decembro. Un total de 10 veciñas e veciños deste concello acudirán á Casa da Cultura de Ribadumia en horario de tarde para realizar a actividade.

En Cuntis terá lugar unha acción formativa Cestería Tradicional, que contará con 29 alumnas e alumnos. O obradoiro levarse a cabo entre o 19 de outubro e o 30 de novembro, de 18:00 a 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil José Raído Patelas.

Un total de 21 veciñas e veciños de Rodeiro coñecerán os pormenores dos Instrumentos e Cancións Populares nun obradoiro que terá lugar desde o 23 de outubro ata o 9 de decembro. A cita será os mércores, entre as 17:00 e as 19:00 horas, no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares.

Xa o venres 25 de outubro dará comezo en Portas un obradoiro Cestería Tradicional que durará ata o 27 de decembro. As e os 15 alumnos deste obradoiro acudirán os venres, entre as 18:00 e as 20:00 horas, á Casa da Cultura-Biblioteca Domingo Fontán.

Ademais, o 25 de novembro remata o curso Risoterapia no que 23 veciñas e veciños de Covelo levan participando desde o 27 de setembro no Edificio Multiusos deste concello.

"Tecendo lazos" oferta este ano accións formativas en 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que as cativas e cativos adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.