Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Depo en marcha" 2019 inicia esta semana dez novos obradoiros na provincia

Preto de 220 persoas maiores participarán en distintos obradoiros nos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Redondela, Pontevedra e Soutomaior


22 setembro 2019
Depo en marcha

Ao longo desta última semana de setembro, arredor de 220 persoas comezarán na provincia dez novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en Marcha" 2019 da Deputación de Pontevedra. Os obradoiros iniciaranse nos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Redondela, Pontevedra e Soutomaior.

En concreto, en Sanxenxo a Asociación de Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla comeza un curso de Ximnasia de Mantemento no que van participar 27 persoas os martes e xoves de 18:30 a 19:30 horas desde este martes, 24 de setembro, ata o 26 de decembro. No mesmo concello tamén terá lugar outro obradoiro de Ximnasia de Mantemento, neste caso organizado polo Club de Pensionistas de Sanxenxo, no que participarán 30 persoas e que terá lugar de 18.00 a 19.00 horas os luns e os mércores entre o 23 de setembro e o 11 de decembro.

Por outra banda, en Cambados terá lugar un obradoiro de Pilates da man da Asociación de Veciños O Batuqueiro de Vilariño. Nel están inscritas 29 persoas que practicarán esta disciplina os luns e os mércores, de 20:30 a 21:45 horas, entre o 23 de setembro e o 11 de decembro.

No Grove, a Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa desenvolverá un obradoiro de Traballos Manuais Variados, no que un total de 15 persoas se darán cita os xoves, de 19:30 a 22:00 horas, entre o 26 de setembro e o 19 de decembro.

Pola súa parte, Redondela acollerá tres obradoiros. O primeiro deles, que terá lugar grazas á Asociación da Sociedade Cultural do Viso, tratará sobre as Conservas Artesanais e impartirase os luns entre o 23 de setembro e o 30 de decembro de 16:30 a 18:30 horas; nel participarán 22 persoas. Os outros dous obradoiros do concello de Redondela xirarán ao redor da Panadería e a Repostería. Un levarao a cabo a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle; nel 25 persoas daranse cita os xoves, de 17:00 a 19:15 horas, entre o 26 de setembro e o 26 de decembro. O segundo destes obradoiros vén da man do Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira e terá lugar os venres, de 19:00 a 21:30 horas, entre o 27 de setembro e o 27 de decembro.

No que respecta a Pontevedra, os luns entre o 23 de setembro e o 25 de novembro, de 16:30 a 19:30 horas, serán 15 as persoas que participarán no obradoiro de Cociña Galega organizado pola Asociación Cultural Veira do Río de Ponte Sampaio. Por outra banda, a A.C.D. Chan do Monte impartirá un obradoiro de Pilates os martes e xoves de 20:15 a 21:15 horas, entre o 24 de setembro e o 19 de decembro.

Por último, en Soutomaior a Asociación Cultural Moreira a Tope levará a cabo un obradoiro de Panadería e Repostería no que participarán 25 persoas os martes, de 17:30 a 20:30 horas, entre o 24 de setembro e o 9 de decembro.

O programa "Depo en marcha" 2019 espalla pola provincia de Pontevedra obradoiros de 30 horas de duración englobados en oito grandes áreas temáticas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede".

Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, animalas a estableceren relacións sociais e favorecer a súa participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a súa independencia para evitar o illamento e as situacións de soidade. Este ano, a empresa Xestión Cultural Áurea, S. L., é a encargada de xestionar o programa, que conta cun orzamento de 156.000 euros.