Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Depo en marcha" 2019 inicia esta semana 25 novos obradoiros na provincia

Máis de 450 persoas maiores participarán en novos obradoiros en trece concellos para favorecer o envellecemento activo e mellorar a súa calidade de vida


29 setembro 2019
Depo en marcha

Un total de 454 persoas da provincia comezarán ó longo da primeira semana de outubro 25 novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019, organizado pola Deputación de Pontevedra. Os obradoiros iniciaranse nos municipios de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Salceda de Caselas, Mondariz, Mos, Redondela, Pontevedra, Nigrán, Oia, O Rosal, Cangas, O Grove e Ponteareas.

Deste xeito, en Vigo darán comezo seis novas accións. Máis polo miúdo, a Asociación Cultural Gallega de Formación Permanente de Adultos convoca un obradoiro titulado Traballos Manuais Variados, que contará con 19 participantes e que se desenvolverá na Travesía do Pino, núm. 2 os martes, de 17.30 a 20.00 horas, entre o 1 de outubro ata o 17 de decembro.

Ademais, a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva programou unha acción formativa de Cestería con 22 inscritos que terá lugar os martes, entre as 17 e as 20 horas, entre o 1 de outubro e o 3 de decembro. Tamén o próximo martes comeza en Vigo o curso titulado Conservando a Memoria, organizado pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Xurxo de Saiáns, que conta con 19 persoas inscritas. Esta acción, que terá lugar na biblioteca do local social de Saiáns os martes e mércores, de 16.30 a 18.30 horas, rematará o 19 de novembro.

Aerodance, pola súa banda, tamén comeza o 1 de outubro con 16 participantes da Asociación Fibromiálgica de Pontevedra (AFIBROPO). A acción, que se desenvolverá no Centro Sociocultural da Xunta de Galicia da rúa Numancia, con horario de 17 a 18 horas, será os martes, xoves e venres ata o 12 de decembro. O mércores 2 de outubro comeza, na rúa Bravo, núm. 6, un curso Panadería e Repostería a cargo da Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios e Cultural ‘Emilio Crespo' cun total de 22 persoas participantes. Con horario de 17.00 a 19.30 horas, o curso se desenvolverá os mércores ata o 18 de decembro. Por último, o 4 de outubro comeza Informática. Iniciación, organizado pola Asociación de Veciños As Fontes de Lavadores. Este curso, que terá como sede á propia asociación, terá lugar os venres de 16.00 a 18.30 horas, ata o 27 de decembro.

En Vilagarcía de Arousa darán comezo tres accións formativas. A primeira delas, Informática. Iniciación, que terá lugar os martes, de 17 a 20 horas, ata o 3 de decembro, conta con 18 participantes da Asociación de Vecinos Agustín Romero de Cornazo. 20 integrantes do Centro Sociocomunitario de Vilagarcía de Arousa, por outro lado, participarán no curso Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, que dará comezo o 2 de outubro e terá lugar os luns e os mércores, entre as 11.00 e as 12.30 horas, ata a data de finalización, fixada para o 5 de decembro. Finalmente, Vilagarcía de Arousa tamén acolle un curso sobre Cociña Galega da man da Asociación Cultural Xeada. Esta acción formativa, que conta con 18 persoas inscritas, está programada para os xoves, entre as 17 e as 20 horas, e rematará o 5 de decembro.

Salceda de Caselas, pola súa banda, comezará a acoller esta semana tres novos cursos do programa "Depo en marcha". O 3 de outubro comeza Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, que conta con 20 inscritas e inscritos da Asociación de Jubilados y Pensionistas de Salceda y que se desenvolverá ,entre las 19.00 y las 21.30 horas, ata o 19 de decembro. Co mesmo título, pero organizado pola Agrupación Cultural Xunco de Salceda de Caselas, comeza o xoves outro curso no Centro Cultural de Parderrubias, que conta con 18 participantes e cuxo horario será de 16.00 a 18.30 horas. Este curso, que se desenvolverá os xoves, finalizará o 19 de decembro. Ademais, o 1 de outubro comeza a acción formativa denominada Conservas Artesanais con 21 persoas inscritas da Asociación Cultural e Social Castro Barreiro, que terá lugar os martes, entre as 20.00 e as 22.30 horas, ata o 17 de decembro.

En Mondariz, a Asociación de Maiores de Mondariz convoca un curso de Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil que conta con 18 participantes. O obradoiro, emprazado na Biblioteca Municipal Xan Xosé Pérez Labaca, desenvolverase os xoves, entre as 19.30 e as 22.00 horas, ata o 5 de decembro.

Á parte disto, Mos acolle dúas novas accións formativas que dan comezo esta semana. A primeira delas, organizada pola Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, titúlase Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, conta con 16 participantes, comeza o 1 de outubro e desenvolverase os martes, entre as 20.00 e as 21.30 horas, e os sábados, entre as 10.00 e as 11.30 horas, ata o 5 de novembro, data de remate. A segunda, titulada Aerodance e co mesmo día de comezo que a primeira, está convocada pola Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras e conta con 16 persoas inscritas. Este obradoiro será os martes e os xoves, entre as 20.30 e as 22.00 horas, e rematará o 5 de decembro.

Redondela acollerá un novo curso formativo co título Panadería e Repostería que dará comezo o 4 de outubro. Programado polo Centro Social Cultural Recreativa de Cedeira, conta con 25 inscritas e inscritos que terán aulas os venres, entre as 19.00 e as 21.30 horas, ata o 27 de decembro.

En Pontevedra, a Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio 1809 desenvolverá un obradoiro de Ximnasia de Mantemento no que un total de 16 persoas se darán cita os martes e os xoves, de 18.00 a 19:30 horas, entre o 1 de outubro e o 5 de decembro.

Nigrán, pola súa banda, acolle o curso Informática. Avanzado da man do Centro Recreativo y Cultural O Torreiro de Priegue. Cun total de 19 persoas inscritas e unha data de inicio programada para o 2 de outubro, o obradoiro se desenvolverá entre as 16.00 e as 17.30 horas dos mércores, e entre as 19.00 e as 20.30 horas dos venres, ata o 6 de novembro.

En Oia, a Asociación de Vecinos San Miguel de Viladesuso organiza un curso co título Plantas Medicinais con 19 persoas. Este obradoiro dará comezo o 5 de outubro e rematará o 14 de decembro. Ademais, terá lugar entre as 16 e as 19 horas, dos sábados na Casa Social de Viladesuso.

No Rosal, a Agrupación Musical de O Rosal comeza o 2 de outubro un curso de Ximnasia de Mantemento con 15 persoas inscritas. O obradoiro, que se desenvolverá os luns e mércores con horario de 19.00 a 20.30 horas, no Auditorio Municipal do Rosal, rematará o 9 de decembro.

Pola súa banda, Cangas acolle un curso Bailes de Salón ofertado pola Asociación de Vecinos del Barrio Nerga de Cangas. A acción formativa, que conta cun total de 20 persoas, será no centro social da asociación organizadora, os luns de 20 a 21 horas, e os martes, de 20 a 21.30 horas. Deste xeito, o comezo deste obradoiro está programado para o 30 de setembro e o seu final para o 17 de decembro.

Tamén o 30 de setembro comeza en Ponteareas un curso de Panadería e Repostería. Nel participarán 15 persoas da Asociación Artístico-Cultural de Guláns. O obradoiro realizarase os luns, de 20.00 a 22.30 horas, e rematará o 16 de decembro. Tamén no concello de Ponteareas se desenvolverá unha acción formativa Aerodance, organizada desde a Asociación Cultural Irmáns Barcia. A data de inicio deste curso, que conta con 15 persoas inscritas, está prevista para o 30 de setembro, mentres que o seu remate será o día 30 de decembro. Deste xeito, os luns o horario será de 21.30 a 22.30 horas e os venres de 21 a 22 horas.

Finalmente, no Grove comeza o 30 de setembro un obradoiro Traballos Manuais Variados, ofertado pola Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove. Con 17 participantes, o curso será os luns entre as 18.30 e as 21.30 horas e rematará o 2 de decembro.

O programa "Depo en marcha" 2019 espalla pola provincia de Pontevedra obradoiros, de 30 horas de duración, englobados en oito grandes áreas temáticas Traballando coas Mans, Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e Mente, Enredando, Dálle Marcha e En Rede.

Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade. Este ano, a empresa Xestión Cultural Áurea, S. L. é a encargada de xestionar o programa, que conta cun orzamento de 156.000 euros.