Noticias

O Plan Concellos 2017 achega 50.000 euros a Ribadumia para a construción dunha senda peonil

Cun investimento superior aos 310.000 €, a institución provincial xa leva entregado o 68 % do importe total de Ribadumia dentro do Plan Concellos


19 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova axuda ao Concello de Ribadumia ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017. Trátase dunha achega de 50.221,96 euros que permitirán á localidade do Salnés realizar un muro de contención para a formación dunha senda peonil en Leiro.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Ribadumia 137.214,57 €, en liña 1, para a adquisición dunha fregadora limpadora e dunha retroescavadora con pa-mecánica, a legalización das subministracións de electricidade e para a rede de saneamento do Freixo. Ademais, 20.000 € en liña 2, para a programación do auditorio municipal e para a exaltación do viño autóctono dentro da Festa do Viño Tinto do Salnés e, finalmente, outros 102.592,13 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Ribadumia sitúase neste momento no 68 %. Isto supón que o concello xa dispón de 310.028,66 € dun total de máis de 450.000 €.