Noticias

O Plan Concellos 2017 achega 20.000 euros a Cangas para ampliar os espazos de xogo das zonas de lecer

A institución provincial leva entregado máis do 93 % do total destinado a Cangas dentro do plan, cun investimento superior ao millón de euros


20 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega para o Concello de Cangas ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" de Investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade de 19.983,69 euros con destino á ampliación dos espazos de xogos de diversas zonas de lecer da vila. Grazas a esta axuda, a vila do Morrazo contará con infraestruturas como unha casiña de escalada, dous balancíns de resorte de dúas prazas con forma de poliña e outros dous con forma de vaca, un xogo de rotación, dúas carriolas, un street workout para ximnasia e tamén un xogo combinado para nenas e nenos con tobogán, escaleira, muro de escalada e dúas plataformas.

Con anterioridade, Cangas xa recibira 635.483,85 euros, tamén na liña 1 de Investimentos, para un proxecto de reposición de servizos e da pavimentación da rúa Buenos Aires, a humanización das rúas Baiona e Méndez Núñez, a compra dunha rozadoira de brazo articulado con mando hidráulico e de material de recambio para as máquinas que limpan as praias, para adquirir un vehículo eléctrico para o seu servizo de mantemento dos parques e xardíns municipais, para a memoria valorada dos arranxos da cuberta da rúa Praza de Abastos, para a urbanización da rúa Rosalía de Castro, a restitución das escaleiras na subida a rúa Buenos Aires e para adecuar os parques infantís á normativa vixente. Ademais, 163.353,49 euros en liña 2 para o tratamento de residuos urbanos e, por último, a cantidade de 196.364,66 euros que permitirán que 29 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego.

Grazas a esta nova achega, Cangas xa leva aprobado o 93,2 % do investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 1.015.185,69 euros dun total de preto de 1.100.000 euros.