Noticias

O Museo prolonga ata o 12 de maio a mostra temporal dos fondos sobre Emilia Pardo Bazán

As visitas comentadas, para as que é precisa inscrición previa, serán todos os mércores, ás 18 horas


15 marzo 2021
Mostra temporal dos fondos sobre Emilia Pardo Bazán

O Museo de Pontevedra prolongará ata o 12 de maio a exposición temporal aberta o pasado 9 de marzo sobre Emilia Pardo Bazán. Os fondos propios relacionados coa autora continuarán á vista do público e realizaranse visitas comentadas todos os mércores, ás 18 horas, sendo precisa a inscrición previa.

O obxectivo da mostra, segundo explica o Museo, é dar a coñecer algúns aspectos curiosos da biografía da autora a través dunha selección de creacións artísticas, documentais, gráficas e bibliográficas da institución "por tratarse dun exemplo dunha muller defensora da igualdade que se soubo abrir camiño nun mundo dominado por homes, sendo hoxe unha figura imprescindible da cultura da España da Restauración". A exposición está aberta na sala do Edificio Castelao onde se atopa a obra do pintor coruñés Joaquín Vaamonde Corniden de quen foi mecenas.

Para participar nas visitas comentadas é necesaria inscrición previa, que debe formalizarse a través do correo electrónico educacion.museo@depo.es (a atención aos correos é de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas) ou no teléfono 986 804 100