Noticias

O Museo amosa unha selección de fondos sobre Emilia Pardo Bazán para conmemorar o Día da Muller

Estará aberta dende o vindeiro martes e haberá visitas comentadas para as que é precisa inscrición previa


04 marzo 2021
Emilia Pardo Bazán

O Museo de Pontevedra dedicará o Día da Muller 2021 a Emilia Pardo Bazán a propósito da conmemoración do cen aniversario da súa morte, e para iso amosará unha pequena exposición temporal dos fondos propios relacionados coa autora que estará aberta ao público no Edificio Castelao desde o vindeiro martes 9 de marzo e durante unha semana.

O obxectivo da mostra é dar a coñecer algúns aspectos curiosos da biografía a través dunha selección de creacións artísticas, documentais, gráficas e bibliográficas do Museo por tratarse dun exemplo dunha muller defensora da igualdade que se soubo abrir camiño nun mundo dominado por homes, sendo hoxe unha figura imprescindible da cultura da España da Restauración.

Esta pequena mostra situarase na sala do Edificio Castelao onde se atopa a obra do pintor coruñés Joaquín Vaamonde Cornide de quen foi mecenas. Ademais da visita por libre o departamento de Educación ofrecerá visitas comentadas para as que é necesaria inscrición e que estarán suxeitas ás medidas sanitarias vixentes (capacidade máxima de catro persoas máis o guía) que podería variar en función das posibles modificacións da normativa. Serán os días 11 e 12 de marzo, ás 18 h, e a inscrición debe formalizarse a través do correo electrónico educacion.museo@depo.es (a atención aos correos é de luns a venres de 8:30 a 14:30 h).

Por outra parte, e tamén para conmemorar o Día da Muller, a institución comeza hoxe a amosar no seu Facebook obras de mulleres artistas da colección propia co cancelo #8días8mulleresartistas. Ao longo de oito días amosarase cada día unha obra, comezando hoxe a sección con As pitas, un óleo sobre lenzo realizado en 1880 por Carmen Babiano Méndez-Núñez (1852-1914).