Noticias

Esgotadas as prazas para as visitas teatralizadas no pazo de Liñares da man de Emilia Pardo Bazán

As dúas visitas que organiza a Deputación, enmarcadas na programación provincial sobre a escritora, terán lugar os domingos 30 de maio e 13 de xuño para as que xa está habilitada unha lista de agarda


19 maio 2021
Emilia Pardo Bazán

A Deputación de Pontevedra continúa a lembrar a figura de Emilia Pardo Bazán no ano do centenario do seu falecemento. Neste senso, o pazo de Liñares, en Lalín, ao que estivo moi ligado a novelista, acollerá os domingos 30 de maio e 13 de xuño, ás 12 horas, dúas visitas teatralizadas. Nelas o público coñecerá in situ un dos mellores exemplos da arquitectura pacega de Galicia a través das figuras de Pardo Bazán e de Amalio Taboada, herdeiro do pazo. Malia que as prazas xa están esgotadas, as persoas que queiran entrar en lista de agarda só teñen que enviar un correo electrónico a participa.cultura@depo.gal

O fío condutor da visita será a morte de Carlos Taboada, pai de Amalio e íntimo amigo de Emilia Pardo Bazán e propietario do pazo de Liñares a comezos do século XX. A novelista achegarase ata Lalín para dar o pésame á viúva e aos seus fillos. Na visita, cunha duración dunha hora, as figuras de Pardo Bazán e Amalio Taboada amosarán ao público o "Palacio del Recuerdo", como o chamaba a autora, mesturando lembranzas, anécdotas e recreacións dalgúns dos seus contos.

Unha parte do espectáculo terá lugar no xardín do pazo e o resto da actividade desenvolverase no "salón grande", situado no segundo andar. As visitas correrán a cargo da compañía Fantoches Baj, con Larraitz Urruzola no papel de Emilia Pardo Bazán e Inacio Vilariño na pel de Amalio Taboada.