Noticias

O Museo estrea folletos informativos para dar a coñecer os seus edificios

Pódense consultar en papel ou descargar a través dun QR e están dispoñibles en galego, castelán, inglés e tamén en francés


21 outubro 2021
Folletos informativos do Museo

O Museo de Pontevedra segue a traballar para darse a coñecer e vén de estrear unha nova serie de folletos informativos sobre os seus edificios. Estas publicacións, que están dispoñibles en papel e tamén descargables no móbil a través dun código QR, foron editados en galego, castelán, inglés e francés co fin de chegar ao maior público posible, xa que estase a incrementar a afluencia de visitantes internacionais.

O material divulgativo foi estreado nas accións de promoción turística que a Deputación está a realizar en Valencia e Madrid ao abeiro de Turismo Rías Baixas, nas presentacións, workshops, encontros e reunións específicas para potenciar o Museo como destino de público interesado no turismo cultural.

Como novidade, deseñouse un folleto xenérico sobre a historia do Museo cunha breve explicación de todos os edificios que conforman a institución (Edificio Castelao, Sarmiento, Fernández López, Castro Monteagudo, García Flórez e Ruínas de San Domingos), así como información práctica sobre a súa ubicación, horarios de acceso e datos de contacto.

Outro dos novos folletos é o destinado aos Edificios Castelao e Sarmiento de maneira específica. Nel explícase que xunto ás Ruínas de San Domingos son os únicos inmobles actualmente visitables. Fálase da súa estrutura e das coleccións permanentes que se poden gozar en cada andar, así como tamén das visitas organizadas para coñecer as instalacións de primeira man.

Estes novos folletos veñen a completar a actualización e reedición que se fixera o pasado mes de agosto do tríptico sobre as Ruínas de San Domingos, o máis antigo e máis visitado dos edificios da institución, que achega ás persoas visitantes datos sobre a antiga igrexa e convento dominico.

Ademais da renovación da información en formato papel e dixital hai que lembrar que o Museo está a traballar nunha nova sinalización máis acorde cos tempos actuais e, no caso das Ruínas de San Domingos, na elaboración dun vídeo 3D de realidade virtual hiperrealista cuxo obxectivo é facilitar a comprensión da construción, da súa historia e da súa transformación ao longo dos séculos.