Noticias

O Museo compra o orixinal do Álbum Nós para reunir a principal obra de Castelao en Pontevedra

Mosquera subliña que "o Museo non se entende sen Castelao nen Castelao sen o Museo", mentres Silva afirma que "estas pezas pertencen a todo un país e teñen que estar en mans do público"


17 decembro 2020
Sala Castelao

O Museo de Pontevedra vai formalizar nos vindeiros días a compra dos orixinais do ‘Álbum Nós' de Castelao, unha obra capital e emblemática do autor rianxeiro tanto artística como ideoloxicamente. Así o anunciaron hoxe a presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do Museo Xosé Manuel Rey.

As 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos, dende 2016 co gallo da exposición ‘Meu Pontevedra', estando expostas actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio.

O vicepresidente subliñou que a compra ten unha grande trascendencia porque "son o conxunto de pezas máis importante de Castelao" e permiten completar a colección provincial, que conta con arredor de 2.000 elementos do autor. "O máis relevante da obra de Castelao está no Museo de Pontevedra. Pontevedra, Castelao e o Museo de Pontevedra non se entenden un sen o outro", subliñou.

O vicepresidente explicou que os trámites para a adquisición están case pechados. Destacou que mañá se aprobará a compra en Xunta de Goberno, xa hai consignación orxamentaria e está asinado un precontrato coa familia propietaria. Segundo dixo, só falta a sinatura ante fedatario público, momento que se producirá os vindeiros días, e ata o que a Deputación se comprometeu cos vixentes donos a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación. "Son condicións moi ventaxosas para a Deputación. Sabemos que a cantidade concreta pola que se fai a compra e quen é a familia que vende son datos interesantes, mais non imos poñer en risco a compra", destacou.

"O Álbum estivo moitos anos desaparecido. Había moitas teorías e no 2016 apareceu. Os propietarios deixárono en depósito, pero querían rematar coa cesión actual e tiñan a vontade de que a obra seguira no Museo de Pontevedra para respectar a vontade de Castelao", explicou Mosquera, quen sinalou que dende a Deputación priorizouse en todo momento que a obra quedase en propiedade en lugar de permitir que outros museos e privados se fixexen con ela. Así o aprobou tamén por unanimidade o Consello Asesor cando foi consultado ao respecto.

Así mesmo, o responsable político do Museo explicou que a transacción comunicouse formalmente á Xunta, xa que por Lei de Patrimonio Cultural tiña dereito de tanteo e retracto ao ser un ben de interese cultural. Recentemente o Goberno galego comunicou que non faría uso dese dereito en favor do Museo. "Hoxe é un día grande para o Museo con todas as letras", finalizou Mosquera.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou pola súa banda a relevancia da adquisición destes fondos para o Museo de Pontevedra e o feito de que vaian permanecer onde Castelao quería. "Non é que intuamos que a vontade de Castelao fose que a súa obra quedase no Museo, senón que o sabemos porque o dixo en reiteradas ocasións –indicou a presidenta-. Quería que a súa obra estivera vinculada a este Museo do que formou parte desde o seu inicio. Polo tanto, cumprimos a súa vontade. E amais, podemos dicir que o Museo de Pontevedra é o Museo Nacional de Galicia; aquí están as pegadas máis importantes da nosa historia e cultura, e por iso é obrigado que estea a maioría da obra de Castelao".

Apuntou que a compra "é unha noticia importantísima e estamos moi felices de poder dicirlle á xente que esta colección pasa a ser da Deputación". "Estas obras _engadiu- que pertencen a todo un país teñen que estar en mans do público para desfrute de todas as veciñas e os veciños". "É un material que ten unha enorme carga histórica, política e cultural, pero tamén é certo que ten unha marabillosa historia. No ano 2016 celebrabamos a cesión por parte da familia propietaria deste legado e foi un dia moi importante para a cidade de Pontevedra e para todas aquelas persoas que aman a cultura e a unha figura tan relevante. Non podiamos perder esta oportunidade sendo unha institución pública. Estamos a facer o que tiñamos que facer e así sentimos que dedicarnos á política paga a pena".

O director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o ‘Álbum Nós' supón un capital simbólico para os fondos da institución. Afirmou que nas súas láminas plásmase a psicoloxía e o paradigma do rural galego cun imaxinario reivindicativo e de grande forza. "É unha obra capital e emblemática que Castelao fixo nun momento crucial da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galiza e buscando espertar a conciencia colectiva. Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social, político… e unha significación cultural e identitaria", subliñou.

Rey indicou que a presenza do Álbum Nós no Museo é fundamental, porque permite dispoñer dos principais conxuntos creativos do artista e "dialogar e complementar" o Álbum de guerra que fixo 15 anos despois, xa sendo líder do galeguismo e da defensa da legalidade republicana que o levou ao exilio.

O valor do álbum, dixo Rey, "axigántase co paso do tempo ao tratarse dun conxunto completo dunha obra completa e excepcional. Existía risco evidente de que galeristas, coleccionistas ou mesmo outras institucións puidesen amosar interese na súa adquisición, o que suporía unha perda moi importate para o Museo". Por iso, finalizou, a incorporación aos fondos do Museo é unha nova "extraordinaria": "unha oportunidade de reforzar a vinculación da figura do Castelao construtor da nación co Museo e de consolidar o papel desta institución á hora de configurar un relato lúcido sobre a guerra, a represión e o exilio que axuden a entendernos como país".