Noticias

Mosquera anuncia que nas vindeiras semanas haberá novidades "sumamente importantes" para o futuro do Museo

O vicepresidente afirma que se segue a traballar "na definición dun proxecto axustado ás necesidades" porque a solución da conexión soterrada para os edificios centrais "funciona" e "é fantástica"


30 abril 2021
Pleno do 30 de abril 2021

"Pronto haberá novidades sumamente importantes, interesantes, e transcendentes para o futuro do Museo". Así o afirmou hoxe o vicepresidente, César Mosquera, no Pleno da Deputación, tralo que puntualizou que os movementos para dar un novo pulo se coñecerán en apenas semanas.

Mosquera aproveitou a moción na que o PP solicitou un estudo de alternativas viables para os edificios centrais para explicar de maneira didáctica a situación actual dos inmobles e as perspectivas de futuro. En primeiro lugar, o vicepresidente destacou que os inmobles máis antigos do Museo xa están conectados na actualidade de maneira ilegal e que a súa rehabilitación para legalizar e mellorar o seu estado necesitaba, si ou si, dunha modificación puntual do Peprica.

Por outra parte, lembrou que no ano 2014 cando se retiraron as pezas das coleccións das instalacións debíase a que estas "ameazaban ruína" e non se podía garantir a seguridade. Entre outras cousas explicou que algunhas vigas de madeira que soportan a estrutura pasaron de 25 centímetros a apenas 5 polo caruncho. 

Desde aquel ano, proseguiu Mosquera, tanto as deputadas Ana Isabel Vázquez como Xosé Leal estudaron como facer a rehabilitación sen atopar solución. "Non o deron sacado adiante" nin arquitectos como García Brañas nin Santiago Pesquera, aclarou o nacionalista, que recoñeceu que cando chegou ao actual cargo no Museo púxose mans á obra cos seus coñecementos de urbanismo e o asesoramento de xuristas e persoal técnico. O resultado foi que a rehabilitación debía pasar por unha conexión soterrada. A partir de aí, consultouse a posibilidade de cofinanciamento coa Xunta, iniciáronse as tramitacións para modificar o Peprica, e a día de hoxe séguese a traballar na definición dun proxecto "axustado ás necesidades".

"A solución, o formulamento funciona e é fantástico, como o do CITA en Santa María. O tema está enfocado, hai unha vía aberta e hai trámites feitos, pero é un asunto moi complexo", insistiu Mosquera, que aproveitou para reivindicar que o actual Goberno da Deputación considera o Museo como un dos seus principais axentes ao outorgarlle "o maior orzamento da súa historia".

Pola súa parte, o portavoz socialista López Font, destacou no Pleno que o Museo está mellor dirixido politicamente que nunca, sendo o máis importante de Galiza e un referente en todo o Estado a pesares de non ter apoio da Xunta de Galicia. "Estamos ordenando e facendo proxectos na racionalidade", insistiu en relación á rehabilitación dos edificios centrais.