Noticias

O Museo de Pontevedra estreará o venres ‘Percu-Sons' coa actuación de Odaiko e a cantante Vanesa Muela

Esta nova proposta, que terá lugar na praza do Edificio Castelao, incluirá tamén o concerto, o vindeiro día 23, de Kendrah


12 xullo 2021
O Museo de Pontevedra estreará o venres ‘Percu-sons'

Despois da obrigada parada do pasado verán, o Museo de Pontevedra retoma os concertos ao aire libre que Sons no Arco viña ofrecendo os anos anteriores, pero cunha localización e proposta diferente. Trátase de ‘Percu-Sons', unha iniciativa que incluirá as actuacións na praza do Edificio Castelao de Odaiko e a cantante Vanesa Muela o día 16, e de Kendrah o 23 de xullo, ás 21:00 horas. Serán propostas, pois, de percusións e voz, de estilos diferentes, pero centradas na actualización da tradición, nutrida da multiculturalidade. Aínda que a entrada é gratuíta, as persoas interesadas en asistir deberán enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.es, xa que a capacidade está limitada polas restricións sanitarias.

‘Percu-Sons' estrearase o vindeiro venres coa formación galega Odaiko, que leva máis de dezaoito anos nos escenarios, deseñando espectáculos musicais e escénicos alternativos, nos que a música, a palabra e a presentación, fusiónanse para construír propostas comunicativas que xeran unha experiencia orixinal e participativa para o público.

A formación realizou xa unha decena de proxectos que exploran estilos e representacións que van desde a música de raíz á creación contemporánea, con propostas que integran o teatro, a performance, e mesmo con espectáculos especializados para públicos infantís e familiares. Para iso, Odaiko confórmase por percusionistas multidisciplinares de acreditadas traxectorias, sendo xunto cos Percusionistas de Estrasburgo (Franza) unha das moi poucas compañías de percusión profesionais en Europa, especializadas neste xénero musical.

O programa que levará ao Museo de Pontevedra estará centrado no seu traballo Camiño de Volta que, como o seu nome indica, é un retorno e unha exploración sobre a música de raíz. Odaiko conta nesta ocasión coa colaboración da prestixiosa cantante Vanesa Muela, artista cunha longa carreira que a convirte nunha das voces de referencia no panorama da música española. Ademais doutros recoñecementos, recentemente Vanesa Muela foi galardoada como mellor cantante do Estado no xénero das músicas de raíz e folclóricas, outorgado pola Asociación Española de Intérpretes Femininas e o Ministerio de Educación.

Pola súa banda, o 23 de xullo será Kendrah quen achegue á praza do Edificio Castelao un programa integrado por composicións orixinais de Adrián Saavedra, que unen as tradicións musicais de Galicia, África e o Brasil, a través de ritmos, letras e melodías que beben destas tres fontes, para crear un estilo propio e orixinal: o batuke galego. Tomando como referencia experiencias de grupos como Olodum, Ilê Aiyê (Sao Salvador de Bahía) e Muzenza (Río de Janeiro), Kendrah elabora unha proposta nova a partir de tradicións locais como os cantos de taberna populares, e tamén dos textos dos poetas cultos en galego, como Uxío Novoneyra ou a recentemente homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021, a poetisa Xela Arias.

Xorden, deste xeito, temas frescos, alegres e potentes, recreados por un grupo de instrumentistas aos que se suma a voz de Andrea Rey, cantante aínda nova, cunha gran proxección. O resultado final é unha proposta musical actual, con moita enerxía e un directo potente, no que cada intérprete achega o seu duende a unha sonoridade de conxunto ritmicamente expansiva; un groove que implica ao público nunha experiencia sensorial á vez que ética, de reencontro coas raíces e as fontes da vida: a sabedoría, a enerxía e a inspiración.