Noticias

O Museo de Pontevedra mostra unha selección da obra do pintor Francisco Pradilla no centenario da súa morte

Sonia Pradilla, bisneta do artista, vén de visitar a instalación acompañada do director e a responsable de coleccións


26 agosto 2021
Sonia Pradilla, bisneta do artista, vén de visitar a instalación acompañada do director e a responsable de coleccións

O Museo de Pontevedra, para conmemorar o centenario da morte do pintor Francisco Pradilla –que se cumpre o vindeiro mes de novembro-, ten aberta unha mostra cunha selección de catorce pezas representativas da súa traxectoria. Trátase dunha escolma de obras do que é considerado máximo expoñente da pintura de historia en España ademais de excelente paisaxista e pintor de xénero costumista que amosou, tanto na súa vida persoal como profesional, unha grande fascinación por Galiza.

Co gallo desta instalación, o Museo vén de recibir a visita da bisneta do artista, Sonia Pradilla, quen acompañada do director José Manuel Rey e da responsable de coleccións, Paula Tilve, coñeceu a pequena mostra ubicada na sala 4 do segundo andar do Edificio Castelao, agradecendo a homenaxe.

No Edificio Castelao exhíbese unha selección do máis de medio cento de obras que, datadas entre 1873 e 1918 forman parte das coleccións do Museo.  Segundo explica o director do Museo, a selección das pezas fíxose pola súa significación e pola representatividade na traxectoria do pintor.

Entre elas, ademais dun caderno con apuntamentos, pódese gozar de cinco pezas pintadas ao óleo, e tamén debuxos feitos ao aire libre en Galiza, demostrando que a galega era unha terra que lle apaixonaba. Tamén hai outras feitas en Aragón, Cataluña, Italia e Francia, mostras do seu espírito viaxeiro nos que recolle suxestivas impresións de paisaxe, tipos populares, costumes, ambientes e indumentarias que servirán para, posteriormente, elaborar as súas obras de composición no estudo.

Aínda que aragonés de nacemento, Pradilla tivo unha grande vinculación co país, onde amosou a súa fascinación por paisaxes e xentes que terán moito protagonismo na súa obra dende a súa  primeira incursión artística por Galicia en 1871. O país seguiría sempre vencellado á súa vida, máis se cabe tras a súa voda coa viguesa Dolores González del Villar.

A instalación manterase aberta e á disposición do público durante os vindeiros meses.