Noticias

O Museo rexistra este agosto o mellor dato de visitas dos últimos dez anos

O turismo do país supuxo o 38% da afluencia ás instalacións, o do resto do Estado foi do 44%, e o internacional ascendeu a un 7%


01 setembro 2021
Vistiantes no Museo

O Museo de Pontevedra pechou no mes de agosto o mellor dato de visitantes estivais dos últimos dez anos. O número de visitas ás instalacións provinciais chegou a case 42.000 persoas (41.869), o que supera en máis de 2.500 a cifra máxima acadada no mesmo mes de 2011, cando se contabilizaran 39.335 persoas.

O récord de visitas, segundo explica o director Xosé Manuel Rey, vén consolidar os bos resultados do Museo, que foi incrementando a afluencia nos últimos meses para no mes de xullo situarse xa en cifras prepandemia: con 22.591 persoas foi tamén o mellor mes de xullo dos últimos cinco anos. Para o director, estes datos supoñen unha satisfacción, xa que confirman o atractivo da institución tanto para turistas como para locais grazas ás exposicións e ás actividades programadas.

Rey explica que o Museo busca un crecemento sostido sempre garantindo e incrementando a calidade na experiencia da visita para todo o público. Subliña que a evolución do Museo en número de visitas no mes de agosto foi de 39.335 persoas en 2011; 36.691 en 2012; 16.263 en 2013; 16.656 en 2014; 7.500 en 2015; 30.503 en 2016; 34.226 en 2017; 9.354 en 2019 (coincidindo co peche das Ruínas por labores de mantemento); 24.572 en 2020, coa pandemia; e finalmente 41.869 este 2021.

"Hai que ver agora como se porta este mes de setembro, para o que xa estamos a notar un movemento significativamente menor no primeiro día, que non vai chegar á cifra mínima diaria de 1.200 persoas que se contabilizou en agosto", subliñou Rey, quen deu tamén o dato de que o día de maior afluencia foi o 5 de agosto, coincidindo coa inauguración da exposición ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla'.

En canto á procedencia das e dos visitantes individuais do mes de agosto, o 38% foi de procedencia galega -sobre todo da mesma provincia de Pontevedra-, seguida de turistas estatais (44%) poñendose á cabeza Madrid,  Andalucía e Cataluña –con cifras moi parellas-, Comunidade Valenciana e País Vasco, e seguidas por lugares moi diversos do resto do Estado. No relativo aos visitantes internacionais, un 7%, houbo procedencias moi variadas, destacando en primeiro lugare e por esta orde Francia, Portugal, Estados Unidos, Italia, Alemania e Países Baixos.

Nos números das visitas incluíronse todas aquelas persoas que pasaron polas exposicións que nestes momentos están abertas no Museo nos edificios Castelao e Sarmiento (‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla', ‘Pop –Up. Libros móbiles e despregables' e ‘Novos Valores 2021. Obra Seleccionada'), sumadas á afluencia ás Ruínas de San Domingos, ás actividades e actos (concertos, obradoiros, contacontos…), así como tamén ás persoas que utilizan a sala de investigación do edificio Fernández López.

Durante os meses de verán, hai que lembrar, intensificáronse as visitas guiadas ás exposicións permanentes que albergan os edificios Sarmiento e Castelao. O percorrido, duns 50 minutos de duración, inclúe explicacións sobre o Tesouro de Caldas, a Virxe Branca, a xeración doente, a louza de Sargadelos, os renovadores e Castelao. Realízanse de martes a venres ás 12:00 e ás 18:00 horas e os domingos ás 12:00, non sendo necesaria inscrición previa (as prazas son limitadas en función dos protocolos sanitarios de cada momento). Están en activo tamén as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, todos os xoves ás 12 da mañá.

Por exposicións e dende a súa apertura, a mostra de ‘Novos Valores 2020' recibiu ata o de agora 11.048 visitantes dende o 8 de xullo; a de ‘Libros Pop Up' 6.277 persoas dende o 29 de xullo, e a de ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' 4.507 persoas dende o 5 de agosto.