Noticias

O mural de María Maquieira "A casa da diferenza" chega ao auditorio de Meis da man de Violencia Zero

O deseño da artista visualiza a sororidade, a forza da unión, as alianzas e o traballo comunitario das mulleres


05 novembro 2020
Violencia zero en Meis

Dende hoxe o Auditorio de Meis loce un novo mural no que o feminismo, a importancia da sororidade, da forza da unión, das alienzas e do traballo comunitario das mulleres para transformar o mundo e rachar coas desigualdades e as violencias machistas son protagonistas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, coñeceu esta mañá a obra que María Maquieira, artista cunha ampla experiencia en murais, escenografías, debuxos e gravados, impulsou na vila no marco do programa da institución provincial "Mulleres en acción. Violencia Zero".

O mural "A casa da diferenza" ten unhas dimensións de 3 por 3 metros e presenta a tres mulleres entrelazadas no interior dunha casa que, "neste intento de transcender, pode ser fogar, un lugar onde fortalecernos, pero tamén un muro que superar".  A peza parte da investigación teórica desenvolvida pola profesora Carolina Meloni, que reivindica que o feminismo debe reflexionar e promover o debate para ser aínda máis revolucionario se cabe. Deste xeito, a través do mural faise fincapé na importancia de construír unha teoría feminista viva e esperanzadora, que propoña un cambio cara o concepto de comunidade, impulsando alianzas que inclúa a todas as mulleres para poder loitar contra as violencias machistas.

"A casa –asegurou a presidenta da Deputación Carmela Silva - pode ser lugar de refuxio pero tamén un espazo terrible onde xorden as violencias machistas". Neste eido, Silva reivindicou a necesidade de rachar con esta lacra: "son xa 39 mulleres asasinadas neste ano e de xeito terrible, 1071 dende que hai rexistros. Hai que tomar máis medidas, hai que crear alianzas de denuncia, de posicionamento, porque non podemos seguir soportando isto". Na mesma liña se pronunciou a alcaldesa Marta Giráldez, quen aproveitou a ocasión para pedir o peche dos prostíbulos: "Neste momento en Meis hai tres clubs de alterne, con mulleres sometidas á escravitude sexual, por iso agradezo as declaracións da presidenta desta mañá solicitando o peche dos prostíbulos para sempre. Pedimos á Xunta de Galicia que acabe con esta violencia".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento a María Maquieira pola elección do tema para o mural no que a muller "está no centro de todo, creando alianzas unhas con outras". Tamén incidiu na importancia da arte urbana, "pola súa capacidade transformadora" e  reivindicou o papel da cultura, "á que temos que seguir apoiando, particularmente á cultura con nome de muller porque non podemos esquecer que pese a que somos o 70% das persoas que remata Belas Artes, ocupamos entre o 25 e o 30% dos postos de dirección neste ámbito".

Fotos