Noticias

A Deputación retoma o programa "Violencia Zero" con sete novas accións de artistas galegas que se desenvolverán entre xullo e agosto

As actividades volven este xoves coa actuación na Alameda de Marín da compañía de danza Elahood


22 xullo 2020

Despois do parón ao que obrigou o confinamento pola pandemia da Covid-19, a Deputación de Pontevedra retoma este xoves, día 23, as propostas artísticas da quinta edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero", o programa da institución provincial que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas galegas que están a traballar a prol da igualdade.

A Alameda de Marín será escenario da volta destas accións, neste caso coa peza de danza urbana "Protocolo", que ofrecerán Sabela Domínguez e Julia Laport, fundadoras e integrantes da compañía Elahood ás 12.30 horas. Elas integran nesta peza diferentes elementos de varias danzas urbanas, como o waacking, ou o popping e os combinan de diversas maneiras para crear así un vocabulario persoal que empregan como medio para contar historias en movemento. Neste caso, a obra fai referencia a certos "protocolos sociais" que se  impoñen ás mulleres e aos que teñen que adaptarse para ser aceptadas.

Despois desta acción, ao longo destes meses de xullo e agosto, desenvolveranse outras seis propostas en espazos públicos ao aire libre de distintos concellos da provincia, sempre con todas as medidas de seguridade e distancia física derivadas da normativa vixente. Entre as programadas figuran catro accións das seis que tiveran que ser suspendidas por mor do estado de alarma nos meses de abril, maio e xuño e que ían celebrarse en Mondariz, Pontecesures, Gondomar e O Grove. As outras dúas que foran aprazadas (en Tui e Cerdedo-Cotobade) terán lugar nos vindeiros meses.

Máis polo miúdo, neste mes de xullo "Mulleres en acción. Violencia Zero" chegará amais de Marín aos concellos de Gondomar e O Grove. O concello do Val Miñor acollerá o día 29 ás 12 horas a acción de Zeltia, que protagonizará a peza "Muller tribal" na praza de Paradela. O día 30 a cantante e poeta lucense Laura LaMontagne ofrecerá a performance poético-musical "TICKy-TACKy-PATRIARCHy" na praza do Corgo do Grove (12.30 horas).

En agosto están previstas outras catro accións, que comezarán o día 4 coa actuación musical do grupo Las Antonias en Cambados (20.30 horas no parque de Torrado). Os días 5 e 6 será a quenda da arte e, deste xeito, Ana Santiso e Laura Tova amosarán respectivamente en Mondariz e Pontecesures o resultado final dos seus murais "O futuro pintámolo nós" e "Kore", que realizarán nas xornadas previas. Finalmente, o 26 de agosto a música de Russinha e a súa acción "Transcurso" sonará ás 12 horas na praza dos Barcos de Sanxenxo.

Despois de Sanxenxo aínda quedarán outras oito actividades previstas noutros tantos concellos das 25 de que consta esta quinta edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero", e que se desenvolverá ata novembro. En concreto, as accións protagonizadas por artistas galegas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero, chegan este ano aos municipios de Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña.