Noticias

O goberno provincial de Carmela Silva aproba as bases do programa "Depo en marcha" 2018

A iniciativa, impulsada polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude para o fomento do envellecemento activo das persoas da provincia, contará cun orzamento de 120.000 euros


12 novembro 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases dunha nova edición do programa "Depo en marcha", ao que o ano que vén a institución provincial vai destinar 120.000 euros. Esta iniciativa, impulsada polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude, ten por finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia a través de oito obradoiros que queren contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade.

"Depo en marcha" 2018 pretende impulsar as relacións sociais e favorecer a participación das persoas maiores en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e de cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecendo a súa independencia para evitar o illamento e as situacións de soidade.

En total a Deputación de Pontevedra vai ofertar 100 obradoiros enmarcados en oito temáticas, dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. A primeira temática, "Traballando coas mans", oferta cursos sobre arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades. Pola súa banda "Entre fogóns" inclúe cursos sobre cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos.

Tamén se ofertan baixo a temática "Aprendendo da natureza" cursos sobre plantas medicinais e baixo "Móvete" alternativas saudables como pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba. A temática "Activando corpo e mente" centrarase en cursos sobre a conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e do estrés. Pola súa banda, a temática "Enredando" achegaralles ás persoas maiores obradoiros sobre xogos tradicionais e teatro, a denominada "Dálle marcha" cursos sobre bailes de salón, pandeireta e canto popular e "En rede" formación sobre Internet, correo electrónico, manexo do móbil e informática de iniciación e avanzado.

En total concederase un obradoiro, de 30 horas e para un máximo de entre 20 e 25 persoas, para cada entidade solicitante. As solicitudes presentaranse no rexistro da Deputación nun prazo de 20 días naturais trala publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.