Noticias

A Xunta de Goberno aproba o expediente de contratación para "Depo en marcha 2018"

O programa da Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 120.000 euros, busca favorecer o envellecemento activo a través da oferta de oito actividades distintas


27 novembro 2017
Depo en marcha

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha 2018". Así, o Goberno de Carmela Silva acordou un gasto máximo de 120.000 euros para este proxecto, que terá un gasto estimado de 1.200 euros por actividade. O contrato será cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e as usuarias e usuarios participantes no programa, que aboarán unha cantidade fixa de 6 euros.

O procedemento aberto iniciarase coa publicación do anuncio no BOPPO e concederase un prazo de 15 días naturais desde o día seguinte ao da súa publicación. "Depo en marcha" é un programa que ten como obxectivo contribuír ao establecemento de relacións sociais entre as persoas maiores ao tempo que toman parte en actividades que elevan o seu estado anímico; obradoiros de actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias que lles sirvan para fomentar a súa independencia, evitando o illamento e as situacións de soidade dos nosos maiores.

O programa, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2018, ofértalles ás entidades de maiores, pensionistas e persoas xubiladas da provincia de Pontevedra un catálogo con obradoiros englobados en oito áreas diferentes (as mesmas que en 2017). Concretamente os obradoiros ofertados en "Depo en marcha 2018" serán: "Traballando coas mans", arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles, tapicería e manualidades; "Entre fogóns", cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; "Aprendendo da natureza", plantas medicinais; "Móvete", pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente", conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando", xogos tradicionais e teatro; "Dálle marcha", bailes de salón, pandeireta e canto popular; "En rede", internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.


Novas relacionadas

Depo en Marcha 2018

07 febreiro 2018, cohesión social, solicitudes, deputación de pontevedra, depo en marcha 2018