Noticias

O goberno de Carmela Silva destina preto de 200.000 euros a Ponteareas para a mellora da rede viaria municipal

Con estas achegas a Deputación de Pontevedra aprobou xa o 74,4 % do orzamento que lle corresponde á vila ao abeiro do Plan Concellos 2017


16 xullo 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 200.000 euros para o Concello de Ponteareas. En concreto, con esta achega, o goberno local poderá realizar actuacións de melloras e mantemento na pavimentación da rede viaria municipal.

Este novo investimento na vila súmase aos xa aprobados ata o momento e que supoñen o
74,4 % do orzamento que lle corresponde a Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, Ponteareas recibiu xa preto de 900.000 euros a través dos cales está a poñer en marcha proxectos como a ampliación da rede de auga potable en Queidores (Bugarín), a pavimentación da rúa de Canedo, a mellora e mantemento da rede viaria municipal, a memoria descritiva e valorada da adaptación de espazo no auditorio para locais de reunión, reposición de saneamento na avenida de Galicia, así como para afrontar gasto corrente novo, poñer en marcha a I Edición da Feira do libro, sinalizar e repintar rúas do casco urbano e reparar o rego no campo de fútbol de Pardellas. Ademais, e tamén ao abeiro do Plan Concellos 2017, Ponteareas está a contratar a 34 persoas para desenvolver tarefas que garantan os servizos básicos municipais.

O Goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Ponteareas, leva xa distribuídos máis de 29,3 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 71 % do Plan Concellos.