Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de 200.000 euros en Cangas para realizar melloras en diversas rúas e viarios municipais da vila

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou axudas valoradas en máis de 400.000 euros para os concellos de Cangas, Tui e Ponteareas


03 xuño 2017
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 420.000 euros para que tres concellos da provincia poidan acometer catro novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse destas achegas da liña 1 (Investimentos) do Plan Concellos 2017 as vilas de Cangas, Tui e Ponteareas. Grazas a estes investimentos, estas tres vilas poderán levar a cabo reformas de rúas así como proxectos en espazos públicos destinados a reunións, ao deporte e á cultura.

No que corresponde ao Concello de Cangas, a vila do Morrazo recibirá a cantidade de 220.789,31 euros co obxectivo de financiar as obras que permitirán instalar unha nova capa de rodamento en varias rúas e viarios municipais. Con estas achegas o concello poderá mellorar as rúas Barreiras, Lagar, Nova, Gruncheiras, Carballal, Reboredo, Salgueira e Faroleira. Ata o momento, Cangas ten aprobado xa o 80,52 % do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do Plan Concellos 2017, isto é, unha achega valorada en 876.857,79 euros dos preto de 1.100.000 euros que lle corresponden neste exercicio.

A presidenta Carmela Silva subliñou que "coas axudas que aprobamos esta mañá, que ascenden a 420.000 euros, levamos xa distribuídos case 14 millóns de euros, é dicir, o 53,25 % da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 euros". A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas "sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para lembrar que "este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no 2016 e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa máis de 32,5 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 78,88 % do plan".