Noticias

A Deputación de Pontevedra achega outros 55.000 euros a Cangas ao abeiro do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado máis do 98 % do total destinado a Cangas dentro do plan, cun investimento superior ao millón de euros


18 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega para o Concello de Cangas ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 de Investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade de 53.837,59 euros para rehabilitar a "Casa dos Pobres", en Darbo. Rehabilitarase para conseguir máis apartamentos para dar servizo ás persoas que por necesidade social precisen unha vivenda temporal. O edificio actualmente conta cun apartamento arranxado fai máis de 6 anos e con tres vivendas inutilizadas que se pretenden rehabilitar para estes usos de benestar social.

Con anterioridade, Cangas xa recibira 655.467,54 euros, tamén na liña 1 de Investimentos, para un proxecto de reposición de servizos e da pavimentación da rúa Buenos Aires, a humanización das rúas Baiona e Méndez Núñez, a compra dunha rozadoira de brazo articulado con mando hidráulico e de material de recambio para as máquinas que limpan as praias, para adquirir un vehículo eléctrico para o seu servizo de mantemento dos parques e xardíns municipais, para a memoria valorada dos arranxos da cuberta da rúa praza de Abastos, para a urbanización da rúa Rosalía de Castro, a restitución das escaleiras na subida a rúa Buenos Aires, para adecuar os parques infantís á normativa vixente e para ampliar os espazos de xogos de diversas zonas de lecer da vila. Ademais, 163.353,49 euros en liña 2 para o tratamento de residuos urbanos e, por último, a cantidade de 196.364,66 euros que permitirán que 29 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego.

Grazas a esta nova achega, Cangas xa leva aprobado o 98,16 % do investimento que recibe dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 1.069.023,28 euros dun total de preto de 1.100.000 euros.