Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este venres dúas novas achegas do Plan Concellos 2019 para Covelo por un total de 130.000 euros

Estes investimentos da Deputación servirán para pavimentar varias rúas da vila e para un colector xeral da rede de saneamento de Graña


13 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación, o próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación, de dous novos investimentos para Covelo con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019 por un total de 128.703,42 euros. En concreto, serán 66.449,33 euros para pavimentar a rúa Aldea de Abaixo en Prado de Canda, a rúa Medelas en Paraños e a rúa Espiñeira en Barcia de Mera. Tamén, 62.254,09 euros para un colector xeral da rede de saneamento na Graña. Este ano a institución provincial pon á disposición de Covelo ao través do Plan Concellos un total de 466.849,96 euros, case un 3,21 % máis que no 2018.

Nas rúas Aldea de Abaixo en Prado de Canda, Medelas en Paraños e Espiñeiro en Barcia de Mera melloraranse as drenaxes, o pavimento, limparanse as cunetas, colocarase sinalización horizontal e instalaranse sinais de STOP, entre outras actuacións destinadas a mellorar a pavimentación. Tamén se procederá a instalar un colector xeral na rede de saneamento de Graña que implicará o levantamento e a colocación do pavimento de lousas de granito.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 323.010,54 euros, Covelo tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 41.713,43 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 102.125,99 euros da Liña 3 de Emprego cos que o Concello pode financiar a contratación de 17 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio de 2018.