Noticias

O deputado Carlos Font confirma unha nova achega do Plan Concellos para Covelo de preto de 60.000 euros

O Goberno provincial de Carmela Silva destina este ano a Covelo, ao abeiro do plan un total de 775.333 euros, un 73,2 % máis que en 2017


20 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, confirmou hoxe a aprobación, mediante Resolución presidencial, dun novo investimento no Concello de Covelo ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha achega de 59.601,20 euros para as obras de mellora das pistas polideportivas de Castelláns, Baldomar, Macera e Barciademera.

Ademais destas cantidades, o Goberno provincial ao través do Plan Concellos xa aprobou anteriormente varias axudas para Covelo. En concreto, 112.070,57 euros na liña 1 para a mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barciademera; para a mellora, conservación e mantemento do cemiterio de Barciademera, e para o mantemento e limpeza do pavillón municipal.

Ademais, a Deputación de Pontevedra destinou 27.669,74 euros na liña 2 para actividades deportivas Covelo 2018, para o vídeo turístico promocional Regala Covelo, para a dinamización, mostra e impulso de iniciativas do concello, para o V Torneo Internacional Cruceiro de Covelo, o I Campus Multideporte Verán, para os galardóns Síntete Covelo, e para a reparación e mantemento exterior e interior do serradoiro dos Carranos. Tamén, outros 102.311,14 euros foron destinados, a través da liña 3 de Emprego, á contratación de 21 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.

O Plan Concellos da Deputación pon este ano a disposición de Covelo un total de 775.333 euros, un 73,2 % máis que en 2017.