Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Covelo preto de 125.000 euros para financiar a mellora e remodelación de espazos públicos e infraestruturas


27 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font informou da aprobación, mediante resolucións presidenciais, de tres novos investimentos no Concello de Covelo por un valor total de 121.215,5 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos. Trátase, nesta quenda, dunha axuda de 36.727,59 euros para a remodelación de parques infantís na vila, outra achega de 44.878,8 euros para a humanización do núcleo urbano de Covelo; e outro investimento de 39.609,11 euros para a financiación das obras de mellora, conservación e mantemento do cemiterio de Casteláns.

Ademais destas cantidades, o Goberno provincial a través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 337.682,6 euros na liña 1 destinados a financiar a mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barciademera; mellora do entorno da igrexa de San Bartolomeu de Lamosa; mellora de pistas polideportivas en Casteláns, Baldomar, Maceira e Barciademera; Urbanización exterior do cemiterio de Piñeiro; mellora, conservación e mantemento do cemiterio de Barciademera; e mantemento e limpeza do pavillón municipal.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 27.669,74 euros para financiar actividades deportivas na vila; vídeo turístico promocional Regala Covelo; dinamización, mostra e impulso de iniciativas do concello; V Torneo Internacional Cruceiro de Covelo; I Campus Multideporte Verán 2018; Galardóns Síntete Covelo; e a reparación e mantemento exterior e interior do serradoiro dos carranos. E tamén, outros 102.311,14 euros foron destinados á financiación da contratación de 21 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

O Goberno de Carmela Silva destina este ano a Covelo, a través do Plan Concellos, un total de 775.333,46 euros, un 73,24 % máis que en 2017.