Noticias

O goberno da deputación aproba unha segunda convocatoria para a concesión de préstamos sen xuros a concellos

En total destinaranse máis de 360.000 € a municipios da provincia que se suman ós 1.140.000 € xa adxudicados


20 mai 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar  a segunda convocatoria por valor de 362.291,28 € para que concellos da provincia, con poboación inferior ós 50.000 habitantes, poidan optar á concesión de préstamos sen xuros para o financiamento de inversións, operacións de tesourería, necesidades urxentes ou desfases transitorios.

Á primeira convocatoria para a concesión de préstamos sen xuros presentáronse os concellos de Fornelos de Montes, Silleda, Catoira, Poio, Pazos de Borbén, A Cañiza e Salceda que se beneficiaron dun total de 1.137.708,7 €. Dado que non se esgotou o importe máximo asignado ós préstamos, 1,5 millóns de €, a Xunta de Goberno aprobou unha segunda convocatoria polo importe restante, 362.291,28 €, atendendo ós mesmos criterios que os publicados no BOPPO do 17 de marzo.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra, tal e como manifestou Carmela Silva, modificou as bases da concesión de préstamos ós concellos, incluíndo a pública concorrencia e eliminando os xuros, é dicir, concedendo préstamos a un 0% de interese fronte ó 2% que se tiña que abonar co anterior goberno. Amais, fronte ó millón de € destinado polo anterior goberno, no 2016 o importe dirixido ós concellos da provincia veuse incrementado en medio millón de €.

O prazo para solicitar estes préstamos remata en 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.