Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba axudas de 450.000 € para oito municipios ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

Coa concesión destas axudas a Deputación de Pontevedra leva investidos case dous millóns de euros dentro da liña 2, destinada á amortización, o pagamento de débedas e o gasto corrente


18 abril 2017
Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas de 450.000 € ao abeiro do "Plan Concellos 2017", correspondente á liña 2 destinada á amortización, o pagamento de débedas e o gasto corrente, así como aos gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas e sociais. Con esta última partida, a institución provincial leva investidos máis de 1,9 millóns de euros dos  6.180.000 previstos este ano para a liña 2, un 32,31 % do total do Plan.

En concreto, as axudas, que ascenden a un total de 432.930,51 €, foron destinadas aos concellos de Ponteareas, A Estrada, Gondomar, Crecente, Cuntis, Cambados, Cerdedo-Cotobade e Nigrán.

No caso de Ponteareas, a achega é de 12.082,15 € e servirá para a reparación do sistema de rega existente no campo de fútbol de Pardellas. Os 14.420,20 € aprobados para o concello da Estrada repartiranse entre a XLIV Festa do Salmón, as marcas cicloturistas BTT "Rapa das Bestas e Salmón" e "Festa da bicicleta", a cabalgata de Reis, a Festa do Año ao Espeto, para o VIII Campus Deportivo de Verán, os torneos 3×2 das Festas de San Paio e de tenis, o circuíto de carreiras, o ciclo "Ruralizarte" e para a Festa Cabalar de Pascua e San Martiño. O concello de Gondomar recibirá un total de 12.771,29 € que serán investidos nun obradoiro de ximnasia de mantemento para persoas maiores, na V Carreira a prol da corresponsabilidade, para o Gondoverán 2017 e  nun obradoiro de informática para persoas maiores. Pola súa parte, Crecente recibirá
20.002,02 € para o financiamento do gasto corrente dos servizo municipais.

A maior partida aprobada é a do concello de Cambados, cun total de 138.554,85 €  para acredores de gasto corrente, para a Festa do Samaín e do Magosto, para a Festa dos Maios, para a Semana Santa en Cambados, para a Festa da Vieira, para o Día das Letras Galegas, para o Entroido 2017, para a Festa do Albariño e para o Nadal 2017.

O municipio de Cerdedo-Cotobade recibirá 22.000 € destinados ao programa "Maxia no Verán", ao Día do Neno, á Festa do Nadal, á Festa do Entroido, para a proba deportiva Transgalaica, para a VIII Festa do Petote e a XI Feira de Cuspedriños.

A subvención de 76.100 € concedida a Nigrán investirase no 100 aniversario de Parranda de San Pedro, no programa municipal de canguros, no campamento e a ludoteca, na III Milla Solidaria Anemia de Fanconi, no "Flota como poidas", no "Ano Carlos Casares", no programa "Música no Camiño", no festival "Nigrán Música", no "Nigrán Orienta", tamén servirán para financiar a carreira nocturna, os Premios Nigrán 2017, a travesía a nado Costa Serena, o II Trail e BTT Nigrán 2017, o Entroido Nigrán 2017, o festival de música NigránJazz e o Nigrán Area, a Festa de San Fiz,  a exposición "A outra cara de África" e o proxecto Ramsar. Por último, o concello de Cuntis recibirá 5.000 € destinados á Romaría do Cabalo 2017.