Noticias

O goberno de Carmela Silva pecha nos primeiros catro meses do ano o 100% das axudas previstas para a liña3 de emprego do Plan Concellos 2017

A dotación desta liña, destinada á contratación de máis dun millar de traballadores, ascende a máis de 9 millóns de euros da que se benefician 59 concellos de toda a provincia


21 abril 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a última relación de subvencións ao abeiro da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017, a número 14, cunha axuda de 20.554,91 € que permitirá a contratación de 7 persoas para garantir e prestar os servizos básicos municipais no Concello de Dozón. Con esta adxudicación o plan provincial acada a concesión do 100 % das subvencións previstas dentro la liña 3 para  este ano 2017, que ascendía a 9.270.000.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo destacar a importancia que teñen estas axudas, que "neste 2017 fixeron posible a contratación de máis de 1.120 persoas en 59 concellos" e apuntou a "rapidez coa que os concellos solicitaron estas subvencións, antes dos primeiros catros meses do ano, é proba das necesidades que veñen a suplir estas axudas".  O peso da liña 3 do Plan Concellos 2017 representa un 22,5% do total das axudas previstas dentro deste programa.

Entre outras e outros profesionais a liña 3 do Plan Concellos 2017 permitiu a contratación de encargadas/os de albergues municipais, socorristas, ordenanzas, conserxes, vixiantes, persoas condutoras e tractoristas, operarias/os limpeza e recollida do lixo, de servizos múltiples, de xardíns e parques, de mantemento, operarias/os para karting, para instalacións deportivas, para bibliotecas, para enterrar e dar sepultura, peóns de  obra, de cantería, soldadores/as, mecánica, carpintería, albanelería, forestais, fontanería, pintura, electricidade, agricultura, emerxencias, técnicas/ou superiores en turismo, auxiliares de turismo e guías turísticos, monitores socioculturais, de tempo libre e deportivos así como persoal técnico en actividades físicas e deportivas, auxiliares de axuda no fogar, técnicas/os para servizos sociais, educadoras/es sociais e persoas diplomadas ou graduadas en enfermaría, administrativas/os e auxiliares administrativas/os, axudantes de arquivo e técnicas/os de biblioteca, técnica/o en Dirección e Xestión Pública, arquitecta/o, axentes de control ambiental e técnicas/os de Medio Ambiente, técnicas/os informáticas/os, técnicas/os de comercio.