Noticias

Mosquera ofrece aos concellos do Condado-Paradanta a posibilidade de implantar a compostaxe e retirar os colectores verdes a primeiros de 2017

O vicepresidente provincial pon a disposición dos alcaldes o soporte técnico e económico da Deputación para aplicar o novo sistema de xestión de lixo e baixar substancialmente os custos da recollida


07 xul 2016
Condado-Paradanta

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, reuniuse hoxe cos alcaldes da comarca do Condado-Paradanta para ofrecerlles a posibilidade de implantar a compostaxe como sistema de tratamento de residuos e retirar das rúas os colectores verdes a primeiros do ano 2017. O nacionalista puxo a disposición dos rexedores o soporte técnico e económico da institución provincial para aplicar o novo sistema de xestión de lixo e, así, baixar substancialmente os custos da recollida para as arcas municipais, xa que a día de hoxe é un servizo moi deficitario.

Tanto Mosquera como o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, foron moi claros cos rexedores ao asegurar que a maior rapidez de implantación da compostaxe, maior será o aforro. "O éxito deste sistema está na súa aplicación inmediata e drástica, non na desaparición paulatina do actual sistema dos colectores verdes, xa que está demostrado que ningunha das experiencias que o intentaron de xeito gradual chegou a nada: foron un rotundo fracaso", dixo o técnico Carlos Pérez.

Mosquera indicou que a primeira fase do Plan Compost Revitaliza da Deputación consistiu en ofertar aos concellos os composteiros comunitarios para demostrar que era un sistema que funciona, e en formar aos mestres composteiros que se encargarán do seu mantemento. A segunda fase do plan, segundo dixo, vai máis alá e implica a adopción da compostaxe como sistema xeral de tratamento en función das características de cada concello: xestionando os residuos orgánicos mediante composteiros individuais, colectivos e plantas de tratamento para aqueles lugares con máis densidade de poboación.

Neste sentido, Mosquera destacou que para aqueles concellos que estean dispostos a asumir o compromiso político-social da compostaxe, a Deputación realizaralle un estudo individualizado do seu sistema actual e dos seus beneficios, poñendo sobre a mesa a evolución de custes histórica, das súas necesidades concretas e da previsión de gastos reais futura. "Queremos saber que concellos teñen a vontade de facer este cambio de sistema. Como os recursos da Deputación son limitados, queremos dirixilos a aqueles que teñan máis interese e expectativas de éxito", asegurou, para indicar que canto máis rurais sexan os concellos máis facilmente se implantará o novo sistema e máis rápido terá resultados.

Os incentivos: sistema máis ecolóxico e económico

A compostaxe é un sistema máis ecolóxico que o actual para o tratamento de residuos, pero tamén moito máis económico se non convive cos colectores verdes. A súa base está en tratar de forma separada os restos de comida, vexetais e outros orgánicos, que na actualidade supoñen máis do 40% do que os cidadáns tiran á bolsa do lixo: estes compóstanse nos composteiros individuais e comunitarios ofertados dende a Deputación no mesmo lugar onde se producen, acadando así un aforro claro, xa que non é precisa a súa recollida por parte do camión, nin o traslado, nin o tratamento en Sogama. Así mesmo, a compostaxe permite eliminar o colector verde das rúas, xa que os plásticos, papel, cartón e vidro serán recollidos separadamente igual que ata o de agora. Así, só sería precisa unha recollida da fracción resto (téxtiles e outros elementos non asimilables) cunha frecuencia moi reducida, xa que non xeran nin olores nin outras molestias para os veciños.  

O asesor provincial de residuos explicou que o custe actual medio dos 28 concellos estudados na provincia é de aproximadamente 197 euros por tonelada. "Se conseguimos só tratar un 30% da materia orgánica aumentamos o custe porque debe existir o colector, pero se acadamos tratar a metade xa baixamos lixeiramente e a partir de aí é todo aforro. O horizonte está en baixar a unha media de 90 euros de custe por tonelada… Pero manter os dous sistemas, a compostaxe e o colector verde, é insostible en canto a custes, por iso é preciso tomar unha decisión clara e rotunda", asegurou.

Concienciación social

Os representantes dos concellos que asistiron ao encontro (Ponteareas, Salceda de Caselas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, e Covelo) manifestaron os seus parabéns pola iniciativa da Deputación e solicitaron a súa colaboración tamén na concienciación social, é dicir, no traballo para facer ver á cidadanía os beneficios da compostaxe como sistema de tratamento máis ecolóxico e económico, e da necesaria implicación social para que funcione.

Neste sentido, os representantes provinciais manifestaron que a Deputación, ademais de garantir o soporte técnico a través dos mestres composteiros e da posible colaboración financeira, está a traballar tamén nesa liña de sensibilización. Así, porá en marcha convenios con asociacións cidadás e de colectivos como Amigos da Terra e Adega para achegar aos veciños e veciñas a necesidade de implantar un sistema de recollida de lixo máis sostible tanto económica como ambientalmente. "Temos prevista unha liña económica para isto, pero non é posible primeiro convencer a toda a cidadanía. Hai tamén que plantexar retos e demostrar con feitos que é un sistema viable", asegurou Mosquera aos alcaldes.

Por outra banda, tamén se sinalou outra liña de actuación para a sensibilización ambiental coa compostaxe: a que se realizará nos dous vindeiros cursos escolares en convenio co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) para os pequenos e pequenas dos colexios e institutos de toda a provincia.

A pesares de non ter asistido á reunión, durante os últimos días tamén se mostraron interesados en participar na segunda fase do Plan Compost Revitaliza outros concellos da comarca, que estudarán o seu interese en adherirse finalmente á iniciativa.  O vicepresidente Mosquera e os técnicos de residuos provinciais continuarán nas vindeiras semanas a súa ronda de contactos con concellos e comarcas para coñecer polo miúdo o grao de disposición dos concellos para levar adiante o cambio de sistema de tratamento de lixo e seguir ofertando a colaboración e soporte provincial.