Noticias

O Goberno de Carmela Silva achega 670.000 euros para novos investimentos en seis concellos da provincia

Con estas achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, Agolada, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Moraña, Tomiño e Tui acometerán melloras en camiños municipais, na rede de saneamento e na urbanización de rúas


25 maio 2017
Plan Concellos 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a aprobación, na vindeira Xunta de Goberno da institución provincial, de novas achegas, por valor de 669.298,62 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. En concreto, os concellos que se benefician destas axudas son Agolada, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Moraña, Tomiño e Tui que investirán na urbanización e mellora de camiños e rúas e na rede de saneamento.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque "con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 13,3 millóns euros, é dicir, o 51,62 % da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000 euros". Tamén engadiu Silva a importancia destas achegas "que está a permitir, unha vez máis, que os concellos poidan facer fronte ás súas competencias e impulsar novos investimentos e novos proxectos en beneficio das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra".

Máis polo miúdo, Agolada recibirá 166.563,78 euros para a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto. Ata o momento, este concello dezao ten adxudicado o 77,03 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos 2017.

Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade beneficiarase de 110.010,38 euros para o saneamento, asfaltado, acondicionamento e pavimentación de camiños en Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova. Con esta achega, Cerdedo-Cotobade ten o 87,29 % do Plan Concellos adxudicado.

O Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar 160.216,68 euros á Guarda para a urbanización da rúa subida a San Amaro entre os números 1 e 12. Ata o momento, este concello ten adxudicado o 65,16 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos 2017.

No caso de Moraña, as achegas ascenden a 68.888,39 euros que lle permitirán ao concello pavimentar vías e realizar acometidas de saneamento no lugar de Cosoirado. Con esta axuda, Moraña ten xa o 100 % do Plan Concellos deste ano aprobado.

Tomiño recibirá 96.207,02 euros, ao abeiro da liña 1 do plan, para acondicionar a estrada de Cristelos, no cruce de San Miguel e conexión co cemiterio de Barrantes. Ata o momento, este concello ten adxudicado o 62,94 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos 2017.

Pola súa banda, Tui beneficiarase de 67.412,37 euros para a ordenación de rotondas e contornas no concello. Con esta axuda, Tui ten xa o 59,92 % das achegas correspondentes ao Plan Concellos deste ano aprobadas.

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no ano anterior. Entre as súas tres liñas estratéxicas e desde xaneiro leva aprobados xa máis de 32 millóns de euros para os concellos da provincia, é dicir, o 77,68 % do plan.