Noticias

Mondariz recibe dúas achegas por valor de máis de 30.000 euros no marco do Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva xa entregou preto do 92,13 % do total destinado a Mondariz dentro do plan, cun investimento aprobado de máis de 460.000 euros


27 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao Concello de Mondariz no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos, e que suman un total de 31.120,17 euros. Nesta ocasión, a institución provincial achega a cantidade de 23.122,49 euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria na rúa Avenida Grupo Escola e na parroquia Merouces e 7.997,66 euros para a creación de dependencias para a protección civil e a policía local.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Mondariz 302.132,62 euros na liña 1 para o financiamento da pavimentación de camiños e mellora de accesibilidade e de seguridade viaria en varias rúas, da pavimentación de camiños nas parroquias de Gargamala e Sabaxáns, para mellorar o camiño Casares, para deseñar e instalar un quiosco de madeira na contorna da praia fluvial de Ceo, para adquirir unha tarima para o palco municipal, para o financiamento das obras de reparación na Escola de Redo de Vilar, para instalar unha cámara negra no auditorio do Centro Social de Mondariz, para a adquisición dun equipamento informático composto por catro torres con catro monitores e unha impresora multifunción, equipamento para o programa de alimentos e para o roupeiro municipal, mobiliario para eventos e equipamento para a axuda no fogar, tamén para mellorar a praza de abastos. Por outra banda, 16.810,78 euros en liña 2 para actividades como a Feira do Pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son ou o cine de verán na rúa e, finalmente, outros 113.116,61 euros para a contratación de 17 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Mondariz xa ten recibido da Deputación o 92,13 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos", isto é, 463.180,18 euros dun total de 502.740,49 euros. Este ano Mondariz recibiu un 8,5 % máis do que percibiu a través do Plan Concellos 2016.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

22 xuñ 2016, cultura, servicios cultura, mondariz, plan concellos 2016, 2016, plan concellos, plan