Noticias

Meis recibe 80.000 € ao abeiro do "Plan Concellos 2017" para facer fronte a diversos investimentos na vila

Cunha achega próxima aos 350.000 €, a institución provincial xa leva entregado o 72% do importe total de Meis dentro do Plan Concellos


14 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega ao concello de Meis ao abeiro da liña 1 de investimentos do "Plan Concellos 2017", que ascende a 16.940 euros, con destino a adquirir unha furgoneta de nove prazas que permitirá a mobilidade do conxunto de traballadoras e traballadores que exercen as súas profesións no mantemento e nos diversos servizos municipais.

A maiores, anteriormente o goberno de Carmela Silva xa destinara ao concello de Meis outros 263.204,04 euros en liña 1 para realizar obras na rede de saneamento e para a reposición de firmes no lugar de Pompeán, mellorar a rede de saneamento de Lugar de Boi, o subministro de mobiliario para a Casa de Escudeiro, dunha desbrozadora de brazo, dun vehículo 4x4, de maquinaria para roza e poda, equipamento deportivo máis un tractor e para mellorar e ampliar camiños municipais en diversas parroquias. A maiores, 71.300,17 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e, por último, 106.950,25 € na liña 3 de emprego para a creación de 10 postos de traballo que garantirán o desenvolvemento dos distintos servizos municipais desta vila.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Meis xa se achega ao 100%, ao xa ter recibido o 96,4% do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 458.394,46 € dun total de máis de 475.000 €.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

22 xul 2016, plan concellos, meis, plan ayuntamientos