Noticias

O deputado de Cooperación David Regades asiste en Meaño ó inicio das obras do novo campo de fútbol de herba sintética

A Deputación de Pontevedra achegou 300.000 € para a execución das obras mediante un convenio co goberno local


26 xuño 2017
Meaño campo de fútbol

O deputado de Cooperación Municipal, David Regades, acompañado pola alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, e membros da corporación municipal, asistiu hoxe ao inicio das obras de execución do novo campo de fútbol de herba sintética que se está a construír en substitución do xa existente de fútbol 7 grazas a un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra por valor de  300.000 €. As obras, que tamén inclúen a urbanización dos accesos ás instalacións deportivas, permitirán o uso polivalente do terreo de xogo, de xeito que o novo recinto servirá tanto para disputar partidos de fútbol 11 como se poderá dividir en dous campos de fútbol 7.

Para a execución do proxecto desmontarase o campo de fútbol 7 e rematarase a nova base cunha manta de céspede artificial de 60 mm de altura. Executarase un sistema de drenaxe conectado a un deposito que, ademais, alimentará a rede de rego do campo e instalaranse catro torres e 5 proxectores de iluminación. Tamén, no perímetro do campo, se colocarán porterías, tanto de fútbol 11 coma de fútbol 7, bancos e bandeiríns.

En canto o acceso, se eliminará o actual acceso á parcela para a execución dunha nova rampla paralela ó viario existente e o enlace farase ó través dunha glorieta. Tamén se asfaltará o tramo que coincide coa fronte da parcela, exporase un novo aparcamento e a execución dunha acometida de saneamento de augas pluviais do campo ó polígono que conecte coa rede municipal.

O investimento no proxecto do campo forma parte das achegas da Deputación de Pontevedra ó municipio de Meaño que, segundo lembrou Regades, durante o pasado ano 2016 ascenderon a un total de 981.190,50 €, dos cales 464.000 € correspondéronse co "Plan Concellos 2016", un 22% máis que no 2015. En concreto, a través da liña 1 do "Plan Concellos", investíronse 342.555,96 € para a reforma do pontón do camiño municipal que une A Igrexa con Asís (en Simes), o ensanche e pavimentación do camiño rural entre A Igrexa e Quintáns e a reconstrución da fachada e da cuberta do pavillón deportivo de Xil. Ademais na liña 3 se achegaron 17.000 € para diversas actividades como a Festa dos Muíños, a festividade da patroa tradicional e os gastos de funcionamento da Escola Municipal de Música de Meaño, entre outras, e grazas á liña 4 se crearon 18 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 104.000 €.

Á marxe do "Plan Concellos 2016" Meaño recibiu 300.000 € dentro do convenio de colaboración para este campo de fútbol de céspede sintético, 20.856 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 30 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, actividades de dinamización da lingua galega ou axudas para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 71.624 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia, ou ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "Depo en marcha", "DepoTermal", "Tecendo lazos" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 32 nenas e nenos do concello.

Ademais, a institución provincial investiu 13.350 € en mobilidade, 72.000 € en cohesión social e xuventude, 20.900 € en cultura e lingua, 29.000 € para o fomento do emprego, 7.500 € para o impulso do deporte, 26.000 € para medio ambiente e 2.668 € para a igualdade entre mulleres e homes.

Este ano 2017 o Plan Concellos incrementou case nun 6% os investimentos da Deputación de Pontevedra en Meaño respecto aos do ano pasado, mentres a media da provincia aumentou nun 3%.

Fotos