Noticias

Máis de 60 persoas de outros catro concellos da provincia inician obradoiros de "Depo en marcha"

O programa da Deputación de Pontevedra ten por obxectivo favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros que axudan a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade


27 maio 2018
Depo en Marcha 2018

Os concellos de Redondela, Marín, O Grove e Moaña acollerán a partir deste luns o programa "Depo en marcha" 2018 da Deputación de Pontevedra. En total serán 62 persoas as que participarán neste programa da institución provincial.

En concreto, o luns 28 de maio comezará un obradoiro de Plantas Medicinais no que participarán 15 persoas da Asociación Mulleres Rurais A Lagoa, no Grove. Este obradoiro alongarase ata o vindeiro 30 de xullo.

O mesmo día, 16 persoas da Asociación Camiño Vello de Marín e Comarca, en Marín, comezarán o curso Conservando a Memoria que se impartirá os luns e venres e rematará o 16 de xullo.

Pola súa banda, o martes 29 de maio dará comezo un obradoiro de Pandeireta e Canto Popular, en Moaña, no que participarán 15 persoas do Club de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas Nuestra Señora del Carmen. Este curso terá lugar os martes e xoves e durará ata o 6 de setembro.

Por último, o 1 de xuño, en Redondela, comezará o curso Baile de Salón. Nesta ocasión participarán, ata o 24 de agosto, 16 persoas de Unión Democrática de Pensionistas y Jubilados y Jubiladas de Redondela.

O programa "Depo en marcha" 2018 espallará pola provincia de Pontevedra obradoiros englobados nas áreas temáticas de "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede". Os principais obxectivos desta iniciativa da Deputación son favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros que axudan a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e fomentar a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.

As actividades terán lugar nun total de 37 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, O Grove, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Tomiño, Valga, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.