Noticias

O programa "Depo en marcha" 2018 inicia esta semana nove novos obradoiros na provincia de Pontevedra

Desde este luns participarán máis de 150 persoas maiores en distintos obradoiros nos municipios de Vigo, Redondela, Cangas, Pontevedra e Soutomaior


23 setembro 2018
Depo en Marcha

Ao longo desta semana máis de 150 persoas comezarán na provincia nove novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2018. Os obradoiros iniciaranse nos municipios de Vigo, Redondela, Cangas, Pontevedra e Soutomaior. "Depo en marcha" é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida e evitar o illamento e a soidade.

Máis polo miúdo, en Vigo iniciaranse cinco obradoiros. Un total de 23 persoas da Asociación de Persoas Prexubiladas e Xubiladas de BBVA Galicia empezarán o luns o obradoiro Pandeireta e Canto Popular, que se desenvolverá todos os luns, de 17:00 a 19:00 horas., ata o 31 de decembro. Tamén o luns dará inicio o obradoiro de Teatro da Asociación de Amas de Casa e Consumo Agarimo, que terá lugar todos os luns, en horario de 18:15 a 20:15 horas, tamén ata o próximo 31 de decembro. Para esta actividade están anotadas ata agora 12 persoas. A Asociación Cultural e Veciñal Pedra Moura organiza o taller de Pilates desde o próximo luns, de 18:15 a 19:45 horas, ata o vindeiro 31 de decembro. Polo momento van participar nesta actividade 20 persoas.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños e Veciñas, Consumidores e Usuarios de Beade organizará todos os martes, de 17:00 a 19:00 horas, o obradoiro Conservando a Memoria, para o que están inscritas polo momento un total de 22 persoas e que se desenvolverá ata o próximo 18 de decembro. A partir do venres, a Asociación Cultural Deportiva Xestas de Bembrive comezará o obradoiro Arte con Flores, no que participarán máis de 10 persoas e que terán clase todos os venres, de 17:00 a 19:00 horas, ata o 28 de decembro.

No concello de Redondela, un total de 16 persoas da Sociedade Cultural do Viso van comezar o luns o obradoiro de Cociña Galega. Terá lugar todos os luns, en horario de 17:00 a 20:00 horas, ata o 31 de decembro. En Cangas, a Asociación Veciñal Malladoiro de Nerga comeza o martes un obradoiro de Pandeireta e Canto Popular, para o que polo momento están inscritas 17 persoas. Vaise realizar todos os martes e xoves, de 20:00 a 21:30 horas, ata o próximo 20 de decembro.

No concello de Pontevedra, preto de 20 persoas da Asociación Cultural Veira do Río de Ponte Sampaio iniciarán o mércores o obradoiro Conservando a Memoria. Vai ter lugar, en horario de 16:30 a 18:00 horas, todos os mércores ata o 26 de decembro. En Soutomaior, a Asociación Veciñal de Alxán organiza todos os martes o obradoiro de Tapiñas e Petiscos, de 16:30 a 19:30 horas, ata o 18 de decembro. Polo momento para este obradoiro están anotadas 17 persoas.