Noticias

O programa "Depo en marcha" 2018 inicia esta semana dezaseis novos obradoiros en nove concellos da provincia

Desde este luns participarán preto de 300 persoas de Ponteareas, Vigo, Redondela, Salceda de Caselas, Mos, Pontevedra, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Cangas


09 setembro 2018
Depo en Marcha

Ao longo desta semana preto de 280 persoas comezarán en nove concellos da provincia un total de dezaseis novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en Marcha 2018", iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida.

Máis polo miúdo, na comarca de Vigo iniciaranse sete obradoiros. No concello de Vigo darán comezo catro cursos ao longo da vindeira semana. A Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Helios organiza o obradoiro "Conservando a Memoria", no que van participar 16 persoas e que se desenvolverá todos os luns, de 17 a 19 h, ata o próximo 17 de decembro. Sobre "Cociña Galega" traballarán na Asociación Veciñal Emilio Crespo de Navia un total de 23 persoas todos os mércores, de 17 a 19 h, ata o vindeiro 19 de decembro. Unhas 20 persoas aprenderán de "Restauración de mobles e tapicería" na Asociación Veciñal Praza da Miñoca todos os xoves, de 10 a 12 h, ata o próximo 20 de decembro. Na Asociación da Terceira Idade Garatuxa "As Nosas Rúas" realizarán o curso de "Arte con Flores" unhas 16 persoas todos os venres, de 10 a 12 h, ata o vindeiro 21 de decembro.

En Redondela, a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle organiza o obradoiro "Arte con Flores" todos os martes, en horario de 19 a 21 h, desde o próximo martes ata o 18 de decembro e contarán con 22 persoas asistentes. Un total de 25 persoas traballarán na "Ximnasia de mantemento" en Salceda de Caselas, no Centro Cultural Deportivo e Social O Coto, todos os martes e xoves, en horario de 19:45 a 20:45 h, ata o 27 de decembro. "Arte con Flores" é o taller que organiza a Asociación Veciñal San Mamede de Torroso, en Mos, para todos os xoves, de 19 a 21 h, ata o 20 de decembro, e para o que hai anotadas 15 persoas.

Pola súa banda, na comarca do Salnés darán comezo esta semana tres novos obradoiros nos concellos de Sanxenxo e de Vilagarcía de Arousa. En Sanxenxo, "Tapiñas e petiscos" é o obradoiro que organiza o Club de Persoas Xubiladas e Pensionistas de Portonovo, no que van tomar parte preto de 20 persoas todos os mércores, de 19 a 22 h, ata o vindeiro 14 de novembro. A Asociación Emilia Pardo Bazán tratará de "Restauración de Mobles e Tapicería" todos os venres, de 17 a 20 h, ata o 23 de novembro, e para o que hai inscritas preto de 20 persoas. No concello de Vilagarcía de Arousa, 15 persoas da Asociación Malveiras farán "Ioga" todos os venres, de 20:30 a 21:30 h, ata o 29 de decembro.

Na comarca do Condado, en Ponteareas vanse iniciar esta semana catro obradoiros de "Depo en marcha" 2018. Un total de 12 persoas da Asociación Veciñal A Comunidade de Pías tratarán sobre "Conservando a memoria" todos os luns, de 19 a 21 h, ata o vindeiro 17 de decembro. "Manualidades variadas" é o obradoiro que organizan no Centro Cultural Xinzo, no que van participar preto de 20 persoas todos os xoves, de 19:30 a 21:30 h, ata o próximo 20 de decembro. De "Teatro" tratarán 15 persoas da Asociación Centro Cultural de Fozara todos os venres, de 21 a 23 h, ata o 21 de decembro. "Elaboración de xabóns" é o taller que 15 persoas van desenvolver na Asociación de Maiores de Ponteareas todos os luns, de 18 a 20 h, ata o vindeiro 26 de decembro.

Na comarca de Pontevedra, para a semana que vén vai dar comezo en Pontevedra, na Asociación Veciñal Santo Paio de Campañó o obradoiro "Conservando a memoria", no que hai inscritas 24 persoas, e que se vai impartir todos os martes, de 16:30 a 18:30 h, ata o vindeiro 18 de decembro.

No Morrazo, en Cangas comeza o próximo mércores unha actividade de "Risoterapia" na Asociación Veciñal Terra da Laxe de Pinténs, que vai desenvolverse todos os mércores, de 17 a 19 h, ata o 19 de decembro e ao que van asistir 15 persoas.