Noticias

Máis de 325 mulleres da provincia rematan esta próxima semana accións formativas de "Conectadas"

A finalidade do programa de igualdade da Deputación é mellorar a formación das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias


26 xaneiro 2020
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 que leva desde o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación, chega a súa recta final. Así, entre este luns 27 de xaneiro e o 1 de febreiro rematarán un total de 18 obradoiros nos que participaran 326 mulleres e que foron realizados nos concellos de Baiona, Campo Lameiro, A Estrada, Lalín, Meaño, Mondariz, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Valga e Vigo.

Deste xeito, o luns rematará en Campo Lameiro o obradoiro "Artesanía  en Coiro", que contou coa participación de integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña. Tamén ese mesmo día rematará outro obradoiro en Meaño e dous e Oia. En Meaño, mulleres da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira rematará o curso de Conservación de Alimentos e Conservas Artesanais e en Oia, a Asociación de Mulleres Rurais remata o curso Ioga e as Mulleres Rurais Amurga un de Risoterapia. Para rematar, este luns 27 de xaneiro rematará un curso Taichí en Valga, ao que asistiron mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Albor.

O martes 28 de xaneiro na Estrada a Asociación de Mulleres Rurais Os Muiños Curantes rematarán un obradoiro Teatro e a Asociación de Veciños Xabriña de Mondariz pechan o curso Ioga. Tamén o mesmo día, en Vigo, a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá pecha o obradoiro Bricolaxe e Reparacións no Fogar e a Asociación de Veciños as Nosas Rúas de Vigo un de Risoterapia.

En canto ao mércores 29 de xaneiro rematarán en Baiona un curso de Risoterapia no que participaron mulleres de Asociación de Viudas de Bayona e un en Nigrán de Bricolaxe e Reparacións no Fogar para a Asociación A Camoesa.

No caso do venres 31 de xaneiro serán seis obradoiros de diferentes concellos os que rematarán. Na Estrada será o obradoiro Risoterapia, onde participou a Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara Ancorados. En Mos péchase o obradoiro Iniciación á Costura, destinado á Asociación de Veciños Santa Baia. No caso de Pazos de Borbén, remata o curso Ximnasia de Mantemento no que participaron mulleres da Asociación Veciñal Santa María de Pazos. Por último, en Ponte Caldelas remata para a Asociación de Mulleres Rurais Aires do Norte un curso Pilates e en Vigo un Ximnasia de Mantemento no que participou a Asociación de Amas de Casa e Consumo Agarimo e un Artesanía en Coiro para a Asociación de Veciños de Cabral. Para rematar a semana, o sábado 1 de febreiro finaliza o obradoiro Ximnasia de Mantemento, no que participaron a Asociación de Mulleres en Igualdade de Lalín.

"Conectadas" é o programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.