Noticias

O programa "Conectadas" da Deputación de Pontevedra pecha a súa cuarta edición tras apoderar unhas 4.400 mulleres

A través desta iniciativa impartíronse un total de 248 accións formativas nos últimos seis meses


01 marzo 2020

O programa "Conectadas" 2019 da Deputación de Pontevedra chega ao seu fin tras potenciar a participación e a promoción das mulleres nos concellos da provincia durante os últimos seis meses. Os obradoiros que forman parte desta iniciativa tiveron lugar entre o 31 de agosto do 2019 e o 28 de febreiro de 2020, e neles participaron arredor de 4.400 persoas dun total de 52 concellos da provincia de Pontevedra.

Durante este tempo impartíronse un total de 248 accións formativas cunha duración de 35 horas, incluíndo un módulo de sensibilización na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de 5 horas de duración. Os concellos con maior participación foron os de Vigo, con 32 obradoiros e 558 participantes; Lalín, onde se levaron a cabo 24 accións formativas nas que tomaron parte 398 persoas; e A Estrada, con 22 obradoiros e 357 participantes. Os cursos máis demandados foron os de Pilates, do que se realizaron un total de 32 obradoiros; Ximnasia de Mantemento, con 24 accións; Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, que se levou a cabo en 21 ocasións; e Risoterapia, que se impartiu 19 veces. A valoración global destas accións formativas por parte das persoas participantes foi de 4,55 puntos sobre 5.

"Conectadas" 2019 puxo o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa buscou favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a brecha dixital. O programa estivo dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción e o desenvolvemento das mulleres, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.