Noticias

Máis de 130 persoas de sete concellos da provincia súmanse aos obradoiros de "Depo en marcha"

O programa da Deputación de Pontevedra permitirá esta semana ás persoas maiores da provincia adquirir coñecementos en informática, risoterapia, cestería ou plantas medicinais


30 setembro 2017
Depo en Marcha

Os concellos de Bueu, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, O Grove, Redondela, Silleda e Vigo súmanse esta semana, desde o 2 ata o 9 de outubro, a unha nova entrega dos obradoiros do programa "Depo en Marcha 2017" da Deputación de Pontevedra. Esta acción da institución provincial impartirá, ao longo deste exercicio, un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra. Os obradoiros desta semana suman máis de 130 novos e novas participantes.

O luns 2 de outubro comeza unha acción formativa para 15 persoas da Asociación Veciñal Curantes da Estrada, que recibirán formación en pilates. O martes 3 de outubro iniciaranse outros dous cursos, de tapas e petiscos e de risoterapia, nos que participarán, respectivamente, 16 persoas da Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Cabral, en Vigo, e outras 15 da Asociación Cultural Vista Alegre de Silleda.

O mércores 4 de outubro comezará unha acción formativa sobre cestería na que participarán 25 persoas da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove e o día seguinte, xoves 5 de outubro, comezará un curso de iniciación á informática, no que participarán 15 persoas da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados de Redondela, e outro de informática avanzada, no que participarán 17 persoas do Club de Xubilados Vila de Bueu.

Pola súa banda, o xoves 5 de outubro un grupo de 15 persoas da Asociación Veciñal Manduas de Silleda comezará unha acción formativa sobre cestería, e o 9 de outubro 16 persoas da Asociación de Maiores Contamos iniciarán un curso sobre plantas medicinais.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con "Depo en Marcha 2017", a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán "Traballando coas mans": arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos manuais; "Entre fogóns": cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapas e petiscos; "Aprendendo da natureza": plantas medicinais; "Móvete": pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente": conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando": xogos tradicionais e teatro; "Dálle marcha": bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, "En rede": Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e informática avanzada.

As actividades terán lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas

depo en marcha

16 xullo 2017, depo en marcha, maiores, xunta de goberno, deputacion de pontevedra, dalle marcha, depo en marcha 2017, en rede, enredando, entre fogons