Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica outros 61 obradoiros dentro do programa "Depo en Marcha 2017"

Cun orzamento de 120.000 euros a institución provincial dará cobertura finalmente a 161 obradoiros


16 xullo 2017
depo en marcha

O Goberno provincial de Carmela Silva aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación de 61 obradoiros a entidades de maiores, xubilados e pensionistas da provincia de Pontevedra no marco do programa "Depo en Marcha 2017".

Estes 61 obradoiros súmanse aos 100 xa adxudicados en Xunta de Goberno o pasado 9 de xuño. Desta maneira, a Deputación de Pontevedra dará cobertura en este 2017 a 161 obradoiros. Así, a contía consignada para este programa ascende neste 2017 aos 120.000 euros.

"Depo en Marcha" é unha iniciativa do Goberno provincial destinada a fomentar o envellecemento activo a través de diferentes actividades que se encaixan en 8 temáticas distintas pensadas para a terceira idade. Desta maneira a Deputación de Pontevedra busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán "Traballando coas mans": arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; "Entre fogóns": cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; "Aprendendo da natureza": plantas medicinais; "Móvete": pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente": conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando": xogos tradicionais e teatro; "Dálle marcha": bailes de salón, pandeireta e canto popular; "En rede": internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As entidades beneficiarias de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra tiveron que cumprir algún dos seguintes requisitos: seren asociacións, federacións ou confederacións e fundacións que figuren no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; seren entidades que figuren no Rexistro Xeral de Asociacións dentro da provincia e clasificadas na categoría "terceira idade–pensionistas–xubilados"; seren asociacións de maiores, pensionistas, persoas prexubiladas e xubiladas malia non estar recollidas nos anteriores rexistros ou entidades que, sen o estar tampouco, xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.

As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas

Depo en Marcha

19 agosto 2017, vigo, depo en marcha, vilagarcía, depo en marcha 2017, informática, musicoterapia
Depo en Marcha

30 setembro 2017, cohesión social, depo en marcha, 2017, deputación de pontevedra
Depo en Marcha

11 xuño 2017, depo en marcha, envellecemento activo, envejecimiento activo