Noticias

López Font presenta os proxectos de eficiencia enerxética da Deputación de Pontevedra nunha xornada sobre as liñas de axudas na Coruña

O deputado provincial subliñou os tres proxectos que suporán unha inversión de máis de tres millóns de euros no cambio de luminarias e uso da biomasa nas caldeiras de calefacción


21 setembro 2017
Xornada Enerxetica na Coruña

O deputado provincial, Carlos López Font, subliñou hoxe os tres proxectos de aforro enerxético que ten en marcha a Deputación de Pontevedra nos concellos de menos de vinte mil habitantes da provincia no marco dunha xornada sobre "as liñas de axudas para aforro e eficiencia enerxética" que tiveron lugar na Coruña.

A xornada, organizada pola Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña, a deputación coruñesa e o IDAE, contou coa participación de varias técnicas e técnicos desta última entidade que presentaron as distintas convocatorias de axudas existentes na actualidade. Carlos López Font participou na mesa das deputacións, onde ademais de Pontevedra estaban representadas as de Ourense e A Coruña.

Na súa intervención o deputado provincial explicou os tres proxectos que a Deputación de Pontevedra ten presentados ás convocatorias do IDEA para a súa subvención por un valor de máis de tres millóns de euros. Trátase do proxecto de substitución do alumeado público en 43 concellos da provincia, que está dividido en tres bloques en un cuarto no que se está a traballar, co que se pretende o cambio de 6.134 puntos de luz na provincia que suporía un aforro anual na factura da electricidade que pagan os concellos de máis de 350.000 euros anuais, ademais de reducir as emisións de carbono a atmosfera.

Nestes tres bloques do proxecto están os concellos de Tui, Cambados, Portas, Barro, Salvaterra de Miño, Nigrán, Rodeiro, A Guarda, Caldas de Reis e Meis. No segundo bloque están os concellos de Tomiño, Covelo, Meaño, Poio, Vilanova de Arousa, O Porriño, Silleda, Pontecesures, Crecente, As Neves, Oia e Arbo. No último dos bloques xa presentados a subvencións están os concellos de Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Mos, Moraña, Baiona, Soutomaior, Mondariz, Pazos de Borbén, Moaña, O Rosal e Cuntis.

Os concellos de Campo Lameiro, Mondariz-Balneario, Valga, Gondomar, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Salceda de Caselas, A Lama e Bueu están na fase de redacción do proxecto.

A segunda parte do proxecto de aforro enerxético e a substitución do alumeado público nos Bens de Interese Cultural (BIC,s) existentes nos concellos de Caldas de Reis, A Guarda, Salvaterra de Miño, Meis, Poio, Vilanova de Arousa e Baiona. Carlos Font destacou que se trataba do cambio de 370 luminarias cun orzamento de 129.000 euros.

O último dos proxectos é o uso da biomasa en caldeiras de calefacción en edificios públicos de Salvaterra de Miño, A Guarda, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Este proxecto ten un orzamento de máis de medio millón de euros.

O deputado provincial subliñou ademais o papel dinamizador que está a desenvolver a Deputación nos concellos de menos de vinte mil habitantes con estes proxectos ao promover o aforro e a eficiencia enerxética neles. Font destacou que "estes proxectos de aforro enerxético suporá ademais de uso de enerxías con menor dependencia do carbono uns aforros económicos no gasto corrente dos propios concellos que poderán adicar eses recursos a outros usos".