Noticias

David Regades subliña a aposta da Deputación polo aforro e a eficiencia enerxética no alumeado

O deputado de Cooperación inaugurou a xornada Novos Modelos de Contratación: Servizos Enerxéticos no Sector Municipal que congregou no Pazo provincial a máis de cen responsables dos concellos da provincia


21 xuño 2017
aforro enerxético

O deputado de Cooperación, David Regades, subliñou hoxe na inauguración da xornada Novos Modelos de Contratación: Servizos Enerxéticos no Sector Municipal, a aposta da Deputación de Pontevedra por impulsar o aforro e a eficiencia enerxética das instalacións de alumeado público dos concellos da provincia.

Regades interveu xunto a Ángel Sánchez, xefe do departamento de Servizos e Agricultura do Instituto para a diversificación enerxética (IDAE), e Fernando Ibáñez, presidente do Comité Español de Iluminación (CEI), na inauguración da xornada que reuniu no Salón de Plenos da Deputación a un centenar de concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas e persoal técnico dos concellos da provincia.

O deputado de Cooperación destacou a aposta da institución provincial e o compromiso co obxectivo "20-20-20", "é dicir, coa redución dos gases de efecto invernadoiro nun 20%, coa participación de renovables en enerxía primaria do 20% e coa mellora da eficiencia enerxética no 20%", contribuíndo así a retrasar os efectos do cambio climático.

Este compromiso tradúcese, segundo Regades, no impulso dun "proxecto sobre aforro e eficiencia enerxética, con financiamento europeo, a través do cal queremos implantar a eficiencia e mellorar a iluminación dos Bens de Interese Cultural e o seu entorno, así como substituír caldeiras baseadas en enerxías non renovables por caldeiras de biomasa".

Para o deputado, que coincidiu cos dous poñentes que describiron o panorama das novas tecnoloxías e novos produtos existentes no mercado para mellorar as instalacións de alumeado, que chegan a supoñer o oitenta por cento dos custos enerxéticos dos concellos, "soamente estendendo a información, e desde o coñecemento, conseguiremos que todas e todos vós apostedes por este modelo de eficiencia enerxética que vai contribuír ao aforro ao tempo que modernizamos as instalacións dos nosos concellos. E isto, ademais, tendo en conta que o aforro enerxético amortizará, nun prazo temporal razoable, o investimento realizado nas novas instalacións eléctricas".

Por último, David Regades subliñou que a xornada mostrará o exemplo do concello de Catoira, que puxo en marcha un sistema de licitación dos servizos de alumeado público, tanto de prestacións dos equipos como de subministración da enerxía. De feito Luciano Piñeiro, enxeñeiro de edificación e arquitecto técnico  do Concello de Catoira, foi o último relator que explicou na súa intervención como funciona o sistema no seu concello.

Fotos