Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscricións no programa "Conectadas" de Igualdade

A iniciativa ten como obxectivo mellorar a formación básica das mulleres, contribuír á súa empregabilidade e superar o malestar derivado da desigualdade de xénero


08 febreiro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo de inscricións no programa de Igualdade "Conectadas 2017", despois de que este martes se publicase o extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes, poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 9 de marzo no Rexistro da Deputación (e demais lugares contemplados nas bases) .

Esta iniciativa do Servizo de Igualdade da institución provincial ten o obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias; contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo; reducir a brecha dixital, mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías; e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporen, de maneira transversal, os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 €, unha lixeira subida de arredor do 1 %, fronte aos preto de 321.500 € do ano anterior, cunha oferta inicial de cursos situada en 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267), pero que se podería incrementar segundo o prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto.

Cada unha das asociacións pode solicitar unha única acción formativa dentro desta iniciativa, cuxas actividades están abertas a toda a poboación, pero con preferencia para as mulleres, xa que unicamente se reserva o 25 % das prazas para homes, agás nos obradoiros do bloque "Súmate ao cambio", no que a participación pode ser mixta ao 50 %. Os cursos, cunha duración de 35 horas (cinco deles para un módulo de sensibilización na igualdade de oportunidades) e un prezo non superior aos 6 euros para as persoas participantes, deberán reunir 15 prazas, como máximo, entre 20 e 25.

As accións formativas de "Conectadas 2017" suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes)  e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra volve poñer en marcha este proxecto ao considerar que a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real. Esta institución busca garantir o acceso de todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades: económica, política, de participación social, educativa, formativa ou laboral, entre outras, sobre as bases da igualdade.