Noticias

Preto de 30 mulleres de Lalín participarán estes días en dous obradoiros do programa "Conectadas"

A Asociación de Mulleres pola Igualdade de Vilasancho acollerá, a partir deste venres, un obradoiro de "Zumba" e a Asociación de Mulleres en Igualdade de Bendoiro outro de "Ximnasia de mantemento" a partir do próximo luns


26 outubro 2017
Conectadas 2017

A Deputación de Pontevedra pon en marcha dúas novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para o Concello de Lalín e dos que se beneficiarán en total preto de 30 mulleres da vila. Os obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, centraranse en aspectos relacionados coa saúde.

Este venres 27 de outubro comeza un obradoiro de "Zumba" para 15 mulleres da Asociación de Mulleres pola Igualdade de Vilasancho. Xunto a esta acción formativa, o luns 30 de outubro, iniciarase o curso de "Ximnasia de mantemento" no que participarán outras 15 mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Bendoiro.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade
Conectadas

08 febreiro 2017, empleo, formación, emprego, conectadas, 2017