Noticias

Jan Gehl impartirá a súa conferencia maxistral en Pontevedra no acto de clausura da Facultade Ágora

O seminario ‘Hábitat sociable' deste venres 12 desenvolverase co resto das persoas relatoras previstas: a socióloga Mª Ángeles Durán, o fotógrafo Iwan Baan e o técnico en iluminación Ángel González


08 novembro 2021
Jan Gehl

O arquitecto urbanista Jan Gehl impartirá a súa conferencia maxistral en Pontevedra o vindeiro 16 de decembro no Pazo da Cultura. A visita do autor das peonalizacións de Times Square e o centro de Moscú e Melbourne, prevista para esta semana, tivo que adiarse debido a problemas familiares que xurdiron de maneira súbita e inesperada, e finalmente enmarcarase ao abeiro da Clausura da Facultade Ágora.

Gehl comunicou apesadumbrado á Deputación a imposibilidade de trasladarse a Pontevedra estes días debido a unha operación cirúrxica da súa parella. Dado o firme compromiso adquirido coa organización, o seu interese en coñecer o traballo que está a facer o departamento de Mobilidade provincial e en visitar en persoa a cidade do Lérez, puxo sobre a mesa rapidamente a posibilidade de adiar a viaxe buscando un oco na súa apertada axenda o máis rapidamente posible.

Deste xeito, Gehl estará en Pontevedra os vindeiros 15 e 16 de decembro. O primeiro día será obxecto de diferentes recepcións institucionais, xornadas de traballo e visitas por espazos públicos recuperados, e o segundo será a ‘estrela' do acto de clausura da Facultade Ágora, cunha conferencia maxistral sobre ‘As Cidades para as Persoas'.

No evento, no que se entregarán os títulos ás persoas asistentes aos seminarios e a aquelas que superen o exame de ‘Persoal técnico Ágora', está previsto que participen representantes da institución provincial, personalidades do Concello de Pontevedra, a Asociación de Cidades que Camiñan e o Ministerio de Mobilidade.

Dende a Deputación estase a comunicar o cambio imprevisto ás diferentes entidades e colectivos interesados en acudir presencialmente e en liña ao relatorio de Gehl: colexios profesionais relacionados coa enxeñería, enxeñería técnica. arquitectura, arquitectura técnica, consultoras, profesionais independentes, escolas superiores, etc.

A inscrición para asistir á conferencia maxistral de Jan Gehl permanece aberta en agora@depo.gal, mais en calquera caso coa novidade da nova data e a nova localización, xa que o Teatro Principal está ocupado con outro evento e será preciso o traslado ao Salón de Actos do Pazo da Cultura.

Por outra banda, este venres manterase igualmente a celebración do último seminario da Facultade Ágora titulado ‘Hábitat sociable', que se desenvolverá de maneira ordinaria dende o Museo de Pontevedra e será retransmitido por ZOOM de maneira exclusiva ao alumnado, máis de 200 representantes políticos e técnicos da provincia de Pontevedra.

Participarán como persoas relatoras a catedrática de Socioloxía e profesora de Investigación do CSIC, María Ángeles Durán, unha das consideradas figuras de transcendencia do cadro docente da Facultade Ágora.  Durán foi Premio Nacional de Investigación en Ciencias Sociais, Económicas e Xurídicas ‘Pascual Madoz' no ano 2020, é Premio Nacional de Socioloxía e Ciencia Política do CIS (2018), así como doutora honoris causa pola Autónoma de Madrid (2008), pola Universidade de Valencia (2012) e pola de Granada (2013).

Os restantes relatores do venres serán o fotógrafo urbano Iwan Baan, que fará unha lectura do espazo público a través da fotografía e apuntará como dende a toma de imaxes se pode construír e traballar por un hábitat máis sociable. Tomará despois a palabra o técnico especialista en iluminación Ángel González, da empresa SETGA, quen abordará como as diferentes propostas de iluminación poden poñer en valor e dar maior calidade aos espazos públicos.

Fotos