Noticias

O modelo Ágora de Mobilidade, protagonista esta semana en tres congresos estatais en Barcelona, Sevilla e A Coruña

O deputado Uxío Benítez explicará a filosofía do "espazo público como dereito" na mesa da Nova Bauhaus Europea no ‘Foro Urbano de España' e no Encontro Xeral da Rede de Cidades que Camiñan


04 outubro 2021

O Departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra , co seu proxecto "Ágora" como bandeira, será esta semana protagonista en tres congresos estatais en Barcelona, Sevilla e A Coruña centrados na mobilidade ciclable, nos modelos de cidades e na camiñabilidade como eixe para recuperar as vilas para as persoas.

O primeiro desprazamento para falar de Ágora e defender a filosofía do "espazo público como un dereito fundamental" será a Sevilla, ao ‘I Foro Urbano' de España. Alí, ademais de participar mañá martes a presidenta, Carmela Silva, na mesa ‘Transición ecolóxica e modelo de cidade', o deputado de Mobilidade Uxío Benítez estará o mércores na sesión organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana centrada na Nova Bauhaus europea, un movemento impulsado pola Comisión Europea para construír espazos de vida sustentables e accesibles. O convite específico ao responsable provincial de Mobilidade xorde por considerar que a Rede Ágora "é un proxecto que pode servir de revulsivo para contaxiar outras provincias".

Xa o venres, Benítez estará no Encontro xeral da Rede de Cidades que Camiñan en Carballo (A Coruña), onde se reunirá representación política e técnica de todo o territorio estatal para poñer en valor a camiñabilidade como eixe central á hora de mellorar a calidade de vida de vilas e cidades. A intervención de Benítez, centrada nas actuacións no territorio disperso da provincia de Pontevedra, irá acompañada dos relatorios das cidades da Coruña, Getafe (integración da bicicleta e os vehículos de mobilidade persoal), Pamplona (que falará sobre o traballo nos pasos de peóns), Pontevedra (ordenanza de mobilidade amable), Logroño (urbanismo táctico), ou San Cristóbal de La Laguna (sobre a revitalización do centro histórico).

Tamén se abordará o tema de ‘As zonas de baixas emisións: concepto e implantación' con integrantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, da AUVASA Valladolid, o Concello de Sevilla e o Concello de Pontevedra. Pechará a sesión a enxeñeira portuguesa Paula Teles.

Por último, o ‘Modelo Ágora' está tamén en Barcelona o vindeiro xoves. Nesta ocasión un dos técnicos da equipa Ágora intervirá no CICLOBCN21, que agrupa tres congresos sobre mobilidade ciclista, entre eles o ‘7.º Congrés Internacional da Bicicleta' e o ‘Congreso Ibérico A Bicicleta e a Cidade'.

A Deputación de Pontevedra explicará alí, ademais dos principios Ágora que serven de base para as súas actuacións, o traballo realizado na provincia para a promoción da bicicleta como medio de transporte natural, poñendo de relevancia o seu protagonismo nos proxectos provinciais e o compromiso da institución ante a cidadanía para fomentar o seu uso.

No CICLOBCN o representante do Departamento de Mobilidade pontevedrés compartirá sesións coa Generalitat de Catalunya, o Concello de Barcelona, o departamento de Planeamento da Mobilidade de Bogotá (Colombia), o área de Deportes e Turismo de Roma (Italia) ou o servizo de Mobilidade Urbana da metrópole de Lyon (Francia).