Noticias

A ‘Facultade Ágora' fai medrar o seu cadro de persoal de figuras internacionais co urbanista Jan Gehl

O vicepresidente, Mosquera, destaca que o arquitecto é o "grandísimo referente" a nivel mundial sobre o espazo público na actualidade e que o ‘modelo Pontevedra' bebeu das súas ideas


18 marzo 2021
Jan Ghel

O cadro de persoal do profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra segue a medrar con figuras de renome internacional e vén de incorporar ao urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade "a escala humana" e de aplicar as persoas como "unidade de medida" no deseño urbano.

O anuncio de que Jan Gehl será profesor na Facultade Ágora foi confirmado hoxe polo vicepresidente, César Mosquera, quen sinalou que aquí pode ser pouco coñecido, pero nestes momentos é das persoas vivas de máis renome sobre os  traballos relacionados coa vida urbana e o espazo público. "É o grande referente mundial, sobre todo no mundo nórdico e anglosaxón. Sen discusión é a grande figura neste ámbito", destacou o nacionalista.

Mosquera explicou ademais que o modelo Pontevedra está baseado nalgunhas das ideas de Gehl: "Integrámolas e tivémolas en conta para facer o de Pontevedra" logo de que os seus libros foran traducidos do danés ao inglés nos anos 90. Resaltou que "hai moito aproveitable do que fixo, aínda que poida haber diferencias na maneira de levar as cousas adiante, quizais con moita calma. É outra sociedade, outra cultura, outras maneiras", dixo o vicepresidente en relación aos países nórdicos nos que traballou desde os anos 60.

Jan Gehl formouse en arquitectura na Real Academia de Belas Artes de Dinamarca e nestes momentos é profesor de planificación urbana na mesma institución. É socio fundador de Gehl  Architects e impulsou unha terminoloxía propia entre a que destaca o modelo de cidade "a escala humana", centrándose na persoa como «unidade de medida» no deseño urbano. De feito, defende a mellora de calidade da vida urbana baseada na recuperación da peonalización e o uso da bicicleta, outorgando especial importancia ao espazo público.

Como actuacións máis destacadas, traballou en proxectos para Copenhague, Londres,  Melbourne, Sídney, ou Nova York, entre outras moitas a menor escala. "Cando viaxamos a Suecia para explicar o modelo Pontevedra –lembrou Mosquera– estivemos nunha vila preto de Estocolmo, Eskilstuna, na que tamén estaba traballando Gehl", indicou Mosquera a modo de exemplo. Entre as súas obras máis coñecidas están ‘Novos espazos urbanos', ‘A humanización do espazo urbano: a vida social entre os edificios', ‘Cities for People' ou ‘How to Study Public Life'.

Gehl participará como docente da ‘Facultade Ágora' no mes de setembro, logo do parón estival do curso. Impartirá a súa conferencia dentro do módulo 3 ‘O medio habitable' no seminario ‘Hábital sociable', no que falará dos principios de as persoas primeiro, o hábitat saudable, espazos amables e de calidade e de mobilidade inclusiva.

O urbanista danés únese ao profesorado xa anunciado, no que se inclúen tamén o catedrático Carlos Moreno e a Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos'; María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de La ciudad de los cuidados; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de Calmar el tráfico, entre outros.

Nestes momentos a Facultade Ágora conta xa con 130 persoas preinscritas. Hai que lembrar que foi concibida como unha ferramenta de formación sobre o espazo público dirixida a representantes da política e persoal técnico da provincia para tratar con calidade o espazo público recuperándoo para as persoas. .


Novas relacionadas